As Pontes, 13 de setembro 2018. Durante o fin de semana, do 14 ó 16 de setembro, o municipio de As Pontes retrocederá no tempo para celebrar a quinta edición da súa Cita coa Historia, organizada pola Asociación Lembranza da Vila en colaboración co Concello de As Pontes.

Esta nova Cita xirará en torno á romanización de Galicia e o barrio da Vila acollerá unha grande diversidade de actividades, pensadas para toda a veciñanza, que arrancarán, o vernes, 14 de setembro, ás 17:00 horas coa apertura do mercado, o campamento galaico-romano e a rúa dos oficios para dar paso o pasarúas do grupo Canavellas que rematará cunha representación das costumes galaicoromanas da man das asociacións de recreación histórica Tebras Galaicas e Caetra Lucensium.

Durante esta xornada inaugural, veciños e visitantes poderán gozar dos espectáculos de rúa O Fauno, a cargo da compañía Anima, e Laranda interpretado pola compañía Artlequín. Ademais, tras o pregón que terá lugar ás 20:30 horas, na Praza da Igrexa e que correrá a cargo do empresario pontés, Antonio Lorenzo Cabarcos, haberá un pasarrúas do grupo Os Xotas e Lia Corax deleitará ós asistentes cun espectáculo de danza con aves rapaces.

O sábado, ás 11:00 horas, procederase a apertura do mercado e o campamento Galaico- Romano que sinalará o inicio dunha xornada pensada para os máis pequenos que comezará cun obradoiro de coiro, o pasarrúas con Alfaia a a representación do espectáculo de rúa da compañía Ánima Rúa.

As 12:00 horas comezará o concurso de caracterización, o taller de confección de colgantes de barro e a compañía Artlequín porá en escena o espectáculo de rúaA emperatriz e o seu séquito”. Os Veraneantes serán os encargados de animar ás rúas da Vila e tras o seu pasarrúas comezará un obradoiro de cetrería infantil que pechará ás actividades matinais.

Xa durante a tarde , a partir das 17: 00 horas, haberá un taller infantil de maquillaxe da época romana, pasarrúas a cargo do grupos Os Feroces da Galgueira e Tresporcatro, novas representacións dos espectáculos de rúa e de cetrería así como unha loita de gladiadores, ás 19:30 horas, no campamento galaico-romano.

Ás 22:00 horas, a compañía de teatro local o Catre Teatro presentará o espectáculo de rúa U-lo Grou? e a partir das 22:30 horas, ó carón do río Eume, haberá un concerto de música folk coas actuacións dos grupos Tanto Nos Ten, Música Tradicional Furtiva, Pelepau e Ulträqäns.

O domingo continuará a Cita coa Historia , a partir das 11:00 horas, co pasarrúas do grupo No Cómbaro, cun espectáculo de rúa, o taller infantil “Desfilando Romanos” e a chegada das lexións romanas á Vila e o seu desfile militar ás 11:30 horas.

As actividades continuarán cun concurso de caracterización, o taller infantil de calco de petroglifos impartido pola asociación Tebras Galaicas, unha nova representación do espectáculo de rúa Laranda e o taller de cetrería infantil.

Pola tarde, ás 17:00 horas a compañía de teatro Que más ten teatro representará a obra Os trasnos do Río Eume, a compañía Anima voltará co seu espectáculo de rúa e Os Trevillas serán os encargados de encher de música ás rúas do casco vello de As Pontes.

Ás 18:00 horas, os ponteses e visitantes poderán presenciar o desfile militar da asociación de recreación histórica, Cohors III Lucensium e ás 18:30 horas, o espectáculo de cetrería da man de Lia Corax.

Esta quinta edición da Cita co Historia concluirá coa entrega de premios de concurso de caracterización ás 19:00 horas e unha loita de gladiadores e a representación do espectáculo de Rúa “A emperatiz e o seu séquito” ás 19:30 horas.

 

Rúa dos oficios

Ademais, ó longo dos tres días, veciños e visitantes terán a oportunidade de coñecer de preto o traballo levado a cabo por artesáns, locais e chegados de toda Galicia, na rúa dos oficios. Xosé Piñeiro achegaranos ós segredos da construción de gaitas con torno de varas e a asociación Amigos da Madeira das Pontes amosará as súas pezas.

Con María Isabel Carril coñeceremos, de preto, as técnicas de elaboración de cerámica romana mentres que con José María Castro aprenderemos a técnica da forxa artesanal de armas e ferramentas. Raquel Arnaiz e Maite Palacios ensinarannos, no seu Taller de Tecidos Recreados, a elaborar tecidos e prendas de lá e con Raimundo Rubal aprenderemos a técnica de acuñar moedas.