– A obra será financiada pola Deputación da Coruña

– O proxecto contribuirá a poñer en valor o casco vello do municipio

As Pontes, 8 de febreiro de 2019. O Concello de As Pontes ten previsto acometer a rehabilitación do inmoble situado no número 3 da Rúa da Igrexa, no casco vello do municipio. A obra será financiada pola Deputación da Coruña, a través do Plan de Obras e Servizos 2019, e terá un orzamento de 242.000 euros.

O proxecto, que se levará a cabo nunha zona emblemática do municipio, ten como obxectivo esencial revitalizar a zona mediante a creación dun espazo sociocultural e lúdico que se converterá no centro neurálxico do casco da Vila, o núcleo de poboación máis antigo e de maior valor histórico da localidade.

Desde o Concello de As Pontes, o grupo de goberno apunta que “a través desta rehabilitación queremos fomentar e completar a oferta cultural e turística da Vila e, ao mesmo tempo, dar resposta a unha demanda histórica da Asociación de Veciños Lembranza da Vila, apostando pola recuperación e posta en valor da zona vella do municipio”.

As actuacións previstas, co obxectivo de aproveitar ao máximo o espazo existente, prevén, en cada planta, a creación dunha aula taller e un ámbito multiusos. Na zona central de cada planta, separando os distintos ámbitos, crearase unha zona que albergará todas as comunicacións verticais do edificio (ascensor e escaleiras), os aseos e as zonas de almacenaxe.

Así mesmo, debido ao estado actual do inmoble, levarase a cabo unha rehabilitación integral da edificación que contempla a instalación de todos os elementos necesarios para dotar ao edificio de electricidade, iluminación, telecomunicacións, evacuación de residuos e recollida de pluviais así como de ventilación, fontanería, calefacción e climatización, apostando por sistemas que potencien o aforro e a eficiencia enerxética.

O Concello por medio desta actuación, aprobada no pleno municipal, quere contribuír a fomentar a participación cidadá no pobo e ampliar a súa colaboración co tecido asociativo de As Pontes.

Nese sentido, Montserrat García, tenente de alcalde, remarca a importancia desta actuación, xa que “a compra e rehabilitación deste inmoble reforza o noso compromiso coa veciñanza e abre unha nova liña de colaboración coas asociacións que se suma ás xa postas en marcha a través da recuperación de inmobles en desuso, o acondicionamento de espazos en edificios públicos e á liña de subvencións municipais dirixidas a cubrir os gastos derivados das súas actividades, de equipamento e infraestruturas”.