As Pontes, 21 de abril de 2020. O Programa Integrado de Emprego do Concello das Pontes, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello, reactivou onte a súa formación a través da modalidade on-line coa posta en marcha dun curso sobre Prevención de Riscos Laborais.

A responsable da área de emprego, Ana Pena, subliña que o obxectivo de poñer en marcha esta nova modalidade formativa é “seguir poñendo a disposición dos usuarios e usuarias do Programa Integrado de Emprego das Pontes, recursos de formación e actividades destinadas, a pesar do estado de alarma, a seguir mellorando a ocupabilidade e inserción laboral  dos veciños e veciñas das Pontes  con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral”.

Pena tamén destacou que “aínda que o obxectivo do Programa Integrado de Emprego é lograr a inserción laboral do alumando participante,reactivar a formación a través da modalidade online, axuda ás empresas locais de formación, a manter o emprego, contribuíndo a paliar a situación económica e laboral pola que atravesan debido a crise sanitaria provocada polo COVID-19”

O curso, que ten unha duración de 60 horas, e no que participan 35 alumnos e alumnas, permitirá aos participantes adquirir os coñecementos básicos esixidos en materia de prevención de riscos para o desempeño seguro de calquera profesión.

Así o alumando achegarase á normativa de prevención de riscos laborais en canto a organización da prevención, facultades e competencias, obrigacións e responsabilidades, adquirirá coñecementos sobre primeiros auxilios, implementación e mellora de sistemas de xestión de seguridade así como coñecementos para desenvolver o traballo de forma máis segura e para actuar de forma correcta en caso de emerxencia.

O alumnado terá acceso aos diferentes contidos e recursos didácticos do curso 24 horas ao día, os sete días da semana, podendo empregar calquera dispositivo (ordenador, tablet ou teléfono móbil) para acceder á formación, favorecendo que o proceso formativo sexa flexible e á adaptable ás necesidades e intereses de cada persoa.

Para apoiar e reforzar o proceso de aprendizaxe, o alumnado participante contará cun titor- formador ao que poderán trasladar calquera consulta a través das ferramentas de comunicación dispoñibles na plataforma telemática de formación habilitada para o curso (correo, chat e foro)

 

Programa Integrado de Emprego das Pontes

O Programa Integrado de Emprego das Pontes está dirixido a mellorar a formación de 100 mulleres e homes desempregados, con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con baixa cualificación e menores de 30 anos con cualificación.

A través desta iniciativa o Concello de As Pontes trata de ofrecer unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado ós beneficiarios para que poidan desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentar a súa empregabilidade e situarse nunha situación máis favorable cara o mercado laboral, que lles permita unha inserción laboral duradeira e en mellores condicións.

O Programa Integrado de Emprego das Pontes, cun obxectivo de inserción laboral que se sitúa no 40%, inclúe un amplo abano de accións informativas, formativas, de orientación laboral e fomento do emprededurismo que se desenvolven a través de sesións individuais e grupales, adaptadas ás necesidades das persoas beneficiarias, e unha titorización que permite reforzar os coñecementos e habilidades adquiridas.

Ao mesmo tempo, o alumando adquire competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna a través de cursos e obradoiros sobre manexo de carretilla e plataforma elevadora, rexistros contables, cursos con prácticas en empresas de peixería,  mantemento de parques eólicos e xestión de stocks e operacións de loxística ou un curso para a obtención do carné C + CAP e o certificado de profesionalidade SEAG0209 de limpeza de espazos abertos e instalacións industriais.

O Programa Integrado de Emprego das Pontes  ofrece tamén formación transversal en, novas tecnoloxías, ofimática, técnicas de coaching, intelixencia emocional, técnicas de motivación e habilidades sociolaborais para aumentar as posibilidades de inserción laboral así como prácticas non laborais e tarefas de prospección empresarial.

O orzamento do Programa Integrado é de 181.250 euros dos cales 145.000 euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 36.250 euros polo Concello de As Pontes, Concello de Xermade e Concello da Capela.