As Pontes, 10 de xaneiro de 2020. O Concello das Pontes, en colaboración coa Universidade Sénior da Universidade da Coruña porá en marcha, a partir do día 22 de xaneiro, unha nova edición do programa de formación específico para adultos maiores de 50 anos, que se desenvolverá, todos os mércores e xoves, de 17:00 a 19:00 horas, ata o mes de marzo, no colexio Monte Caxado.

Esta mañá, a concelleira de Benestar Social, Igualdade, Educación e Xuventude, Tania Pardo, xunto coa concelleira de Medios Locais, Lorena Tenreiro e a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Educativa, Nancy Vázquez, e a directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez, presentaron esta nova acción formativa que, en palabras da edil “permite ao Concello fomentar o desenvolvemento de actividades de formación científica e cultural que favorecen o encontro e o envellecemento activo, proporcionando ao alumnado unha formación axustada aos seus intereses e mellorando a calidade de vida e a aprendizaxe autónoma”

Pola súa banda, a concelleira de Medios Locais, agradeceu  á Universidade da Coruña e a Universidade Sénior esta nova aposta polo Concello das Pontes, “facendo que o coñecemento vaia máis aló das tradicionais aulas das universidades, achegando á veciñanza, con inquedanzas por aprender e que non tivo a oportunidade de formarse na Universidade, unha ferramenta de crecemento formativo, cultural e social de incalculable valor”

O programa formativo, dividido en tres módulos, impartidos polo profesorado da Universidade da Coruña, ten como obxectivos prioritarios revalorizar o patrimonio cultural, social e ambiental da zona, concienciar á sociedade sobre a presenza da ciencia no día a día, e recoñecer o valor das disciplinas artísticas a través do coñecemento e as vivencias, con sesións teóricas e prácticas ou saídas de campo.

A inscrición, que será de balde, poderá realizarse de xeito on-line a través do espazo web UDC Sénior As Pontes (https://udcsenioraspontes.wordpress.com/ ) ou presencial, de 9:30 a 12:30 horas, a través do Instituto Pontés de Promoción Económica, desde o 10 ao 20 de xaneiro.