As Pontes, 21 de decembro de 2021. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, acompañado polo bispo da diócese de Mondoñedo Ferrol, Fernando García Cadiñanos, deu a coñecer, onte, nun acto no que estiveron presentes o alcaldes e representantes dos Concellos de Xermade, Muras, Abadín e Neda, a concesión da compostela para un dos camiños reais que transcorren polo municipio.

Hoxe é un día que ten moita importancia para nós. Este anuncio, que se referenda coa presenza do obispo de Modoñedo Ferrol, permítenos facer público o decreto asinado, en xullo de 2021, polo Canónigo Delegado de Peregrinacións do Cabido da Catedral de Santiago de Compostela, no que se confirma o recoñecemento do camiño de Santiago ao seu paso polo municipio das Pontes” destacou González Formoso.

Así mesmo, o rexedor local subliñou que “este anuncio conleva a posibilidade, nunca imaxinada, de poder expedir a compostela na nosa vila, en Xermade, en Muras e en cada un dos concellos polos que transcorre este novo camiño, que vai desde Mondoñedo a Ferrol, e ao que propoñemos denominar O Camiño do Bispo”.

González Formoso durante a súa intervención fixo fincapé na importancia desta concesión que dota aos concellos dunha nova ferramenta que conleva, innumerables beneficios desde distintos puntos de vista.

Non é so un mecanismo de xeración económica, que o é e o pode ser se o dinamizamos e non deixamos que sexa unha mera declaración, e tamén un recurso turístico, histórico e patrimonial. Debemos fomentar e incidir no seu coñecemento, botando man doutras administracións, para amosar ao mundo que existe unha conexión entre o Camiño Francés e o Camiño Inglés que se chama o Camiño do Bispo e, as persoas que peregrinan deben saber que non se baixan do Camiño de Santiago se pasan por As Pontes. Esa debe ser a nosa aspiración e o lema do noso camiño”

Tras este anuncio comezará un proceso administrativo para recoñecer, en parelelo ao recoñecemento eclesiático, o recoñecemento do Camiño do Bispo como camiño cultural e, a continuación, abordarase unha nova fase que permita a incorporación definitiva do Camiño Real, que vai de Mondoñedo a Ferrol, ao Camiño de Santiago.

Debemos ir pouco a pouco, consolidando cada unha das fases das que consta este recoñecemento do Camiño do Bispo como camiño de Santiago. O primeiro paso dámolo hoxe, dando a coñecer á veciñanza das Pontes e á sociedade que aquí nace un novo treito que conecta espiritualmente o Camiño Francés co Camiño inglés e que na nosa vila se pode expedir a compostela. Tócanos empezar a traballar, asinar un convenio de colaboración entre os concellos polos que pasa este camiño real e comenzar a difundir esta nova realidade”

Pola súa banda, o bispo da diócese de Mondoñedo Ferrol, Fernando García Cadiñanos, felicitou ao Concello das Pontes, promotor desta iniciativa, “por botar a vista cara atrás pero proxectando o presente e o futuro en clave de universalidade e acollida para sentirnos como municipios pertencentes a esta gran rede dos camiños que nos achegan a Compostela”

Os camiños composteláns teñen dúas grandes características, a universalidade, a actitude de portas aberta cara ás persoas que veñen de fóra, e a acollida e o coidado ás persoas que están de paso. Estos deben ser os dous acenos de identidade dos municipios polos que pasa este camiño e das persoas que poboan estes municipios para que o camiño sexa máis que un papel e se converta en parte do ADN dos concellos” remarcou García Cadiñanos.

Compilación documental do Camiño do Bispo

En marzo de 2020, o Concello das Pontes iniciou un estudo e compilación documental sobre o patrimonio histórico da vila co obxectivo recuperar os camiños históricos da vila e convertelos nun atractivo turístico.

O traballo, levado a cabo pola empresa local Cultureume, permitiu constatar con claridade que a vila das Pontes foi un centro de peregrinos e nela existiu unha albergaría que recollía o tránsito de peregrinos que ían a Santiago de Compostela desde o norte de Galicia e ademais recibía a peregrinos do camiño francés procedentes de Mondoñedo e Viveiro.

Así, confirmouse que no libro de fábrica da parroquia de Santa María das Pontes existe unha referencia no ano 1716 á vila das Pontes como lugar de paso de moitos forasteiros que se atopan en “camiño santo” e tamén se puido documentar a existencia de dúas referencias explícitas ao camiño francés nunha descrición das propiedades diocesanas realizadas no ano 1617, con motivo da visita do bispo mindoniense Luís Tello de Olivares á vila.

Asemade, comprobouse que estas referencias son compartidas por alusións dentro de outras parroquias da diócese de Mondoñedo Ferrol que apuntan claramente á existencia dun camiño denominado “Camiño Francés” no camiño real que une Mondoñedo con Ferrol e que pasa pola vila das Pontes de García Rodríguez.

Por outra banda confirmouse a existencia na vila, documentada desde o ano 1752, dun “hospital de pobres, viandantes y peregrinos”, situado dentro das murallas da vila, composto por unha habitación, unha adega e unha capela e para o que se dispón de varias facendas aforadas para o seu mantemento.

Neste traballo tamén se recolle que na igrexa parroquial de Santa María das Pontes, nas proximidades do hospital de peregrinos de San Xoán Bautista, foron enterrados, conforme consta no libro de defuncións parroquial, diversos forasteiros e peregrinos, que proveñen de diferentes lugares da costa cantábrica. No referido libro consta que un 12 de decembro de 1750 foi soterrado un home que conforme o seu traxe e diversos atributos era un peregrino francés.

Toda esta documentación, xunto co estudo histórico da mesma, remitida ao Cabido da Catedral de Santiago, foi a que permitu a concesión da compostela para o Camiño Real Mondoñedo Ferrol.