As Pontes, 22 de decembro de 2021. O Concello das Pontes organiza, a vindeira semana, un obradoiro de Nadal para a veciñanza máis nova da vila.

O obxectivo desta actividade é facilitar a socialización entre a rapazada do municipio ao tempo que trata de promover actitudes e comportamentos de respecto, solidariedade, autonomía persoal, e educación en valores así como a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres a través de actividades educativas, gastronómicas e artísticas.

Esta proposta de lecer, de balde, está dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 1 e os 16 anos. Desenvolverase entre os días 27 e 30 de decembro, ambos incluídos, en horario de 16:00 a 20:00 horas, en quendas de 50 minutos, na carpa instalada no patio do Colexio Santa Maria.

O obradoiro está composto de catro actividades. Haberá un taller de cociña de recetas de Nadal, unha xogoteca onde a rapazada aprenderá a realizar adornos de Nadal, unha zona de xogo de Lego e outra de xogos de bloques.

As catro actividades desenvolveranse de xeito simultáneo e poderán participar un máximo de 10 nenos e nenas, acompañados de persoas monitoras, en cada actividade e quenda horaria.

As persoas interesadas en participar deberán incribirse para o obradoiro do día 27 de decembro no número de teléfono 673 24 04 34, indicando a actividade (obradoiro cociña, xogoteca, lego ou xogo de bloques e a quenda horaria (16:00, 17:00, 18:00, 19:00 horas) no que queren participar.

Para participar nos obradoiros dos días 28, 29 e 30 de decembro a inscrición deberá realizarse, con un día de antelación, no patio do Colexio Santa María.