As Pontes, 13 de maio de 2021. A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes aprobou a semana pasada, cun orzamento de 107.720 euros, o expediente de licitación das obras de mellora do saneamento na parroquia de Bermui que inclúe, nesta primeira fase, a execución da estación depuradora e a canalización da rede ata os lugares de a Graña e O Caxado.
O colector principal discorrerá desde a parcela onde se situará a estación depuradora ata o núcleo da Graña, e conectarase co colector proveniente do núcleo de O Caxado a unha profundidade suficiente que garanta a conexión dos colectores que se executarán con posterioridade.
Para a depuración das augas residuais optase pola instalación dunha fosa séptica prefabricada dotada con filtro biolóxico, con tres compartimentos diferenciados, un primeiro compartimento para a decantación dos sólidos e a separación de escumas e graxas, un segundo compartimento para a metabolización da materia orgánica e finalmente o terceiro compartimento incluirá un filtro biolóxico para a depuración dos restos orgánicos.
Finalmente, procederase á reposición dos pavimentos ao estado actual.