As Pontes, 23 de xullo de 2021. O Concello das Pontes lanza un novo servizo de información, vía e-mail a través do que dará conta da información municipal de interese para a cidadanía.

Lorena Tenreiro, concelleira de Organización Interna e Medios Locais, apunta que “con este servizo de comunicación abrimos unha nova liña de información fluída, inmediata e directa e melloramos as canles de participación e transparencia das que dispón o Concello. Buscamos reforzar as vías de comunicación coa cidadanía incorporando progresivamente as novas tecnoloxías”.

Mediante este boletín informativo a veciñanza, que así o desexe, recibirá no seu correo, un resumo informativo das principais novas das Pontes que lle permitirá estar ao tanto da xestión municipal e da actualidade do consistorio.

Aquelas persoas que queiran darse de alta neste novo servizo deberán inscribirse a través da web municipal, cubrindo un formulario no que deberán indicar o seu nome e o enderezo electrónico no que desexan recibir esta comunicación.

Tamén poden suscribirse na seguinte ligazón: http://eepurl.com/hCvfl9. O Concello realizará un envío semanal do boletín ás persoas interesadas.

Esta nova vía de comunicación súmase ao sistema de avisos vía whatsapp, que desde a súa posta en marcha no mes de xuño, suma preto de 700 subscritores/as.

A newsletter complementa o servizo de alertas informativas diarias con información sobre as actividades e proxectos postos en marcha desde as diferentes concellerías, contidos de carácter institucional, contidos de alcaldía, urbanismo, economía, seguridade cidadá, benestar social ou ingualdade, entre outros, así como información sobre a programación cultural ou deportiva.