As Pontes, 25 de febreiro de 2019. O Concello de As Pontes ten previsto investir, 234.724,56 euros, a través do Plan de Obras e Servizos 2018, da Deputación da Coruña, na reurbanización da Praza da Madalena e a súa contorna.
A xunta de goberno local aprobaba, hai 10 días, o expediente de licitación deste proxecto que ten como obxectivo prioritario recuperar o espírito orixinal da praza e o seu carácter como punto de encontro dos veciños e as veciñas, mediante a creación de zonas verdes, unha área de xogo infantil e a renovación dos servizos públicos.
Este proxecto, do mesmo xeito que as intervencións realizadas polo Concello noutras áreas de esparexemento e lecer no núcleo urbano, permitirá incrementar os niveis de funcionalidade, seguridade, accesibilidade, eficiencia enerxética, calidade ambiental e sustentabilidade da zona e por extensión, a calidade de vida e benestar da veciñanza.
O Concello das Pontes busca así que a Praza da Madalena se converta, de novo, nun espazo para o lecer e a convivencia interxeracional para o que prevé a creación de diferentes ámbitos nos que se combinarán espazos de reunión máis cómodos, acolledores e atractivos, integrados por medio de amplos xardíns arborizados, a instalación dunha fonte transitable e itinerarios peonís pavimentados.
Ademais, o espazo será completamente inclusivo, estando deseñado para todos os veciños e veciñas, eliminado as barreiras arquitectónicas que existen na actualidade para impulsar un espazo accesible para as persoas con diversidade funcional e problemas de mobilidade, incluíndo a instalación de mobiliario urbano de distintas lonxitudes, deseñados de acordo cos criterios de accesibilidade.
O proxecto tamén contempla a mellora da iluminación pública con farois de 5 metros de altura e lámpadas led que permitirán o aforro de custos co máximo rendemento lumínico.
Así mesmo, para as zonas verdes executarase unha rede de rega independente da rede de auga potable e unha estación meteorolóxica controlará a totalidade dos circuítos para fomentar a maior sustentabilidade no consumo hídrico.
Por outra banda, as obras tamén contemplan a execución dunha rede de electricidade conectada á rede existente, para prestar subministración tanto á rede de rega como á fonte.
O grupo de goberno tratará así de “revitalizar unha zona emblemática do poboado da Magdalena, do que gozaban tanto a mocidade da zona como dos barrios lindantes e que actuaba como lugar de reunión para os maiores, actualmente en desuso”.