As Pontes, 22 de xaneiro de 2020. O Concello das Pontes inicia hoxe as obras da renovación integral da Rúa Roseiras, localizada na contorna da Cal da Avelaíña.

O proxecto, cun orzamento de 166.463,89 euros e financiado pola Deputación da Coruña, está destinado a mellorar a accesibilidade, así como a calidade estrutural e superficial da rúa, incluíndo a renovación tanto da estrada como das beirarrúas peonís, así como a mellora da iluminación e a separación da rede de drenaxe da rede de saneamento.

Procederase á renovación e ampliación dos pavimentos peonís para facelos accesibles, executándoos cunha laxa hidráulica prefabricada. O pavimento para a calzada igualarase á cota das beirarrúas peonís e executarase mediante a colocación, en forma de espiga, de lastra prefabricada de formigón, distinguindo a zona de aparcadoiro con laxas de distinta cor, ao igual que a sinalización horizontal que será executada con lastras de cor branca.

Asemade levarase a cabo á renovación do servizo de saneamento, colocando dous novos colectores con tubos de PVC e executaranse pozos de rexistro e novas acometidas ás vivendas.

Por outra banda, a rede de drenaxe separarase da rede de saneamento, coa construción de novos pozos de rexistro para conectar os novos sumidoiros e os novos canlóns con reixa.

Eliminaranse os farois existentes, así como a canalización eléctrica actual, executando unha nova canalización e colocaranse báculos de 5 metros con luminarias LED. As obras finalizarán coa colocación de bancos, papeleiras e xardineiras de madeira e a renovación da sinalización horizontal segundo a lexislación vixente.

O Concello das Pontes pide desculpas á veciñanza polas molestias que poidan xerar a execucións destes traballos.