As Pontes, 22 de xaneiro de 2021. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso amosou onte, ante preto de 1.000 inversores, as potencialidades e vantaxes competitivas do municipio, durante o terceiro cumio do programa Invest in Cities, posto en marcha polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, co obxectivo de atraer inversión e favorecer o desenvolvemento económico das Pontes.

O rexedor local subliñou a importancia deste foro para “atraer investimento cara ao noso municipio e, desta forma, contribuír á súa reactivación económica e social. É un escaparate de máximo nivel e repercusión que nos permite dar a coñecer as nosas vantaxes competitivas, poñer en valor os atractivos de ten As Pontes, un concello eminentemente industrial e cunha afianzada cultura emprendedora, para a creación e asentamento de novos proxectos empresarial. Este foro encaixa, á perfección, na aposta do equipo de goberno local por atraer emprendedores, potenciar o desenvolvemento industrial e a innovación como vectores de crecemento”.

Durante a súa intervención, González Formoso fixo un percorrido polos diferentes recursos industriais e naturais presentes no territorio que o converten un lugar idóneo para o “emprazamento de proxectos transformadores e de valor engadido”.

Así destacou a existencia de tres polígonos industriais, con más de 2,5 millóns de metros cadrados, moi diversificado e xerador de 3.000 empregos e a localización estratéxica da localidade, debido a súa conexión coa autovía e a súa cercaría ao porto exterior de Ferrol e a proximidade ao campus da Universidade da Coruña especializado no ámbito industrial.

O alcalde fixo especial fincapé nos recurso naturais presentes no municipio, ubicado no centro do maior eixo forestal de Europa o que o converte no nó loxístico dun sector en alza. Asemade conta co maior lago artificial de Europa, un referente de recuperación ambiental e ofrece singularidades para industria gasística de alta presión, subministración eléctrica de alta tensión e auga.

“Todo isto súmase a un intanxible moi importante, a mentalidade industrial do municipio e a súa tradición histórica de acompañamento de proxectos empresariais, acompañando, a través do Instituto de Promoción Económica Local, a implantación de novas ideas, contribuíndo a evolucionar do monocultivo á diversificación industrial”