As Pontes, 20 de xaneiro de 2021.  O Concello espera que as administracións presentes na mesa técnica sobre o futuro da Central Térmica planten cara á falta de compromiso amosado por Endesa na procura de alternativas para a térmica das Pontes e mostra o seu firme rexeitamento ás conclusión presentadas pola empresa sobre a viabilidade do uso de biocombustibles na central térmica do municipio así como ó anuncio do peche da planta.

Así, o alcade das Pontes, González Formoso, incidiu en que “existe unha comisión técnica responsable de supervisar os resultados das probas con biocombustible e Endesa, de xeito unilateral, sen contar coa convocatoria desa mesa, fai público un informe cheo de conclusións partidistas que intentan xustificar un peche que estaba decidido desde facía tempo. Non é necesario enganar á sociedade cun informe cheo de falsidades que o que fan e soliviantar a todas as administracións  públicas e a sociedade”

Nese sentido o rexedor apuntou que “desde fai un ano  percibimos multitude de sinais por parte da empresa de que non nos estaban tratando como persoas maduras que somos, no sentido de que por unha parte non deixaba chegar a unha parte importante de substitución de carbón por biocombustibles, negouse tamén  a substituír o carbón por gas natural para reducir as emisións de CO2. Iniciou o traslado de persoal a outros emprazamentos de España antes de saber se a central era viable”.

O alcalde avanzou que o martes da próxima semana está convocada unha reunión do comité técnico, no que están representadas todas as administracións para aclarar e verificar o contido do informe de Endesa, xa que, en palabras de González Formoso “conxuntamente teñen un criterio sobre a viabilidade técnica da central térmica moi distinto do que ten Endesa. Entendemos que como empresa privada toma as súas decisións e teremos que respectalas pero sen enganos a unha sociedade á que debe tanto. Veremos si realmente é viable ou non a central e veremos se existe alguén interesado en explotar esta planta e se non é así, Endesa pode dicirnos claramente que non ten interese en explotar a central, ni con carbón nin con biocombustibles e buscaremos alternativas de carga de traballo e de reindustrialización, cuestións nas que traballamos desde fai tempo”

En relación ao peche da central térmica das Pontes, González Formoso subliñou que se trata dunha noticia esperada desde o Concello desde facía un ano, momento no que a empresa deixaba entrever a súa negativa a levar a cabo as probas con biocombustibles que finalmente levou a cabo debido á presión social e á presión da Xunta de Galicia, do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Concello das Pontes.