As Pontes, 18 de xaneiro de 2021. O grupo de traballo por unha transición xusta, tras a última reunión celebrada, urxe ao Ministerio de Transición Ecolóxica, a convocatoria urxente da mesa de traballo con Endesa, na que tamén están presentes a Xunta de Galicia e representantes do Ministerio, para aclarar a situación de incerteza provocada pola finalización das probas realizadas con biocombustible, durante os últimos meses na central térmica, sen que a empresa dea a coñecer os plans de futuro para a planta pontesa.

Asemade, desde o grupo local de traballo, no que están representados o Concello das Pontes, CC.OO, CIG, UGT,o comité de empresa de Endesa, Cohempo, Seara e a Asociación de Transportistas do Carbón, sinalan a importancia deste encontro cos axentes implicados na procura de alternativas viables para a central térmica das Pontes, pola urxencia de tratar sobre a continuidade do emprego tanto da plantilla principal como das empresas auxiliares e tranportistas e denuncian a urxencia de convocar de xeito inmediato unha reunión que se ven solicitando dende hai varios meses, cando Endesa segue a plantexar movementos de persoal sen ser resolta a viabilidade da planta.