As Pontes, 26 de xuño de 2018. O Concello de As Pontes destinará 162.000 euros ás entidades culturais do municipio.

O goberno local abriu, hoxe, o prazo para solicitar as achegas dirixidas ás entidades culturais, para o ano 2018, coas que quere darlles apoio e contribuír a fomentar a participación cidadá no municipio.

Estas subvencións, destinadas a entidades culturais privadas, sen ánimo de lucro, inscritas no rexistro de Asociacións do Concello de As Pontes e que desenvolvan a súa actividade no municipio ou aborden asuntos de interese para a localidade, están dirixidas a cubrir os gastos derivados das actividades culturais así como os gastos en infraestruturas e equipamentos executados ou adquiridos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.

Para acceder a estas achegas é necesario presentar a solicitude a través da sede electrónica do Concello https://sede.aspontes.com/es/index.html, cumprimentada polo representante da entidade cultural, mediante certificado electrónico, xunto coa documentación esixida na convocatoria. O prazo para presentar as solicitudes comeza o mércores 27 de xuño e remata o martes, 10 de xullo.

Pódese obter máis información sobre estas achegas no BOP 117, con data 21 de xuño de 2018,  na páxina web www.dicoruna.es ou na páxina do Concello de As Pontes https://vive.aspontes.org/.