As Pontes, 4 de febreiro de 2020. O Concello das Pontes, a través da Concellería de Benestar Social, investiu durante o ano 2019 un total de 42.800 euros nas axudas de emerxencia social.

Trátase dunha achega, de carácter extraordinario, destinada a atender situacións puntuais de emerxencia que afectan a persoas e familias, en situacións sobrevidas de necesidade, permitíndolles facer fronte aos gastos imprescindibles e tratar garantir o seu benestar.

Segundo a concelleira responsable da área, Tania Pardo, estas axudas permitiron atender a 62 familias pontesas que, nun momento puntual, non dispoñían dos recursos económicos precisos para afrontar necesidades básicas.

A través destas achegas, o Concello das Pontes, trata de paliar e evitar as consecuencias, sociais, psíquicas e mesmo físicas, que a carencia de recursos económicos pode provocar nas persoas beneficiarias” remarca a concelleira.

Pardo anota que o 64,5% destas axudas estiveron destinadas a dar cobertura a necesidades básicas de subsistencia tales como alimento ou gastos sanitarios e farmacéuticos non cubertos polos diferentes sistemas públicos.

Por outra banda, o 35,5% do investimento do programa estivo encamiñado ao pagamento de gastos relacionados coa vivenda e o aloxamento entre os que se atopan os gastos necesarios para conservar o uso da vivenda, obras e arranxos básicos, gastos de mobiliario, mensualidades de alugueiros ou cuotas de auga, luz, gas ou outras subministracións esenciais.