As Pontes, 3 de decembro de 2019.  O Concello das Pontes, coa colaboración da Xanela e Aspanaes, conmemorou o Día Internacional das Persoas con Discapacidade cunha xornada adicada ao teatro co obxectivo de amosar á veciñanza que as únicas barreiras que existen son as que cada un de nós se impón, así como subliñar a importancia de traballar para lograr unha inclusión efectiva das persoas con diversidade funcional en todos os ámbitos da vida.

Así, usuarias e usuarios da asociación ASPANANE de Viveiro achegáronse ata As Pontes para representar as obras teatrais «O cego e o elefante»  e «El Pícaro de Viveiro».

A primeria peza teatral, baseada nun conto islámico, puxo o foco de atención nas opinións xeradas a partir das experiencias persoais e na importancia de non menosprezar opinións diferentes á propia xa que non existen verdades absolutas e todo e cuestión de puntos de mira.

«El pícaro de Viveiro», obra baseada no clásico «El Lazarillo de Tormes» e adaptada ás necesidades dos usuarios e usuarias de ASPANANE amosou, de xeito divertido e intelixente, a vida dun rapaz en apuros que trata de ter un futuro mellor.

Dúas pezas que en palabras da concelleira responsable da área, Tania Pardo «amósannos que as limitacións están nas nosas mentes xa que as súas actrices e actores demostran que son quen de facer todo o que se propoñen, facendo súa a frase querer é poder».