As Pontes, 9 de outubro de 2020. O Concello das Pontes publicou hoxe a resolución definitva das axudas do Plan Municipal de Reactivación Económica e Laboral do Concello das Pontes (APREL 2020), destinadas a paliar o impacto económico, social e laboral, derivado da crise sanitaria provocada polo COVID 19 sobre as microempresas e persoas autónomas do Concello das Pontes, as que destinarará un total de 111.300 euros.

Presentáronse un total de 228 solicitudes das cales o 90% resultaron beneficiarias, concedéndose en todos os caso, a máxima contía económica estipulada nas bases. Os listados definitivos das axudas concedidas poden consultarse na páxina web do Concello, na seguinte ligazón (CONSULTE AQUÍ)

Ana Pena, responsable de Industria, lembrou que “desde o Concello das Pontes entendemos da situación que están atravesando as empresas e as persoas traballadoras neste proceso de recuperación polo que intentamos ser o máis áxiles posibles na resolución desta convocatoria dirixida a paliar os efectos da crise económica e laboral provocada pola pandemia, e contribuír na recuperación dos índices de emprego e actividade empresarial do municipio, que conta hoxe con máis de 700 autónomos e microempresas de todos os sectores”.

Por outra banda, Ana Pena, adianta que “desde o Concello das Pontes habilitaremos unha nova convocatoria de xeito inmediato, para asegurar que as axudas chegan ao 100% dos veciños e veciñas solicitantes que viron seriamente prexudicada a súa actividade económica e laboral por mor da pandemia ”

APREL

O Plan Municipal de Reactivación Económica e Laboral do Concello das Pontes (APREL 2020), destinadas a paliar o impacto económico, social e laboral, derivado da crise sanitaria provocada polo COVID 19 sobre as microempresas e persoas autónomas do Concello das Pontes conta con dúas liñas de achegas; unha cota fixa de 600 euros para persoas físicas e xurídicas afectadas polo peche dos seus establecementos disposto no RD 465/2020 de 17 de marzo que modifica o artigo 10 do RD 463/2020 de 14 de marzo e outra liña, cunha cota fixa de 500 euros, para aquelas persoas autónomas ou micropemes que sufriran unha redución da súa facturación de polo menos o 75% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do Estado de Alarma.

Entre os gastos subvencionables atópanse a cota da seguridade social, arrendamentos e canons, reparacións e conservacións, servizos profesionais independentes, gastos de subministración (auga, luz, gas ou teléfono) o outros gastos como útiles de desinfección, cotas de préstamos ou amortizacións.