As Pontes, 25 de xaneiro de 2024. O Concello das Pontes celebrará o día 11 de febreiro a edición número 43 da Feira do Grelo, unha cita gastronómica a través da que se busca poñer en valor un dos produtos mais emblemáticos da gastronomía local e render homenaxe á agricultura máis tradicional e para a que os departamentos de Cultura e Turismo deseñaron unha programación que conxuga as actividades máis tradicionais como o concurso de cestas coa venda de produtos agrícolas, gandeiros e artesáns, un faladoiro sobre o sector agrogandeiro e a música tradicional.
As actividades arrincarán o domingo, ás 08:00 horas co tradicional concurso de cestas na Praza de América, onde os produtores poderán presentar as súas cestas de grelos ata as 10:00 da mañá e ás 11:30 horas o xurado fará entrega dos premios ás cestas gañadoras na Praza de América.
A partir das 10:00 horas o público asistente poderá gozar na Rúa Ramón Cabanillas a exhibición de torneado e talla de madeira da Asociación dos Amigos da Madeira das Pontes. Nesta mesma rúa e a mesma hora abriranse os postos de venda de produtos autóctonos de alimentación, agasallos, cosmética e pezas de xoiería.
Ás 11:45 horas, na Praza de América haberá un faladoiro, a cargo de de Iván Rodríguez, director técnico ASOPORCEL; Fernando Almeida, doutor enxeñeiro agrónomo de SEMENTARES S.L. e representante do Consello Regulador IXP Pan Galego que xunto a produtores/as do sector agrogandeiro falarán sobre a novas oportunidades e modelos de produción agrogandeira. No mesmo espazo, a partir das 12:00 horas haberá unha degustación de xamón de porco celta da man do cortador Fernando Saavedra.
Por outra banda, desde ás 11:30 horas ata ás 13:30 horas, as rúas da vila encheranse de música cos pasacalles de Os Trevillas, Canavella, No Cómbaro e o Entroido de Samede.
A partir das 13:00 horas, no patio de Santa María celebrarase a degustación popular, que incluirá un menú composto por sopa, cocido con grelos, costela, lacón, chourizo, garavanzos e patacas, incluíndo o pan e a bebida. O prezo será de vinte euros por persoa e o menú estará dispoñible para levar. Todas aquelas persoas que queiran degustar freixós, deberán trasladarse ata a Avenida da Coruña onde estará instalada a freixoeira desde a maña do venres e durante a fin de semana, en horario de mañá.
Xa pola tarde, de 16:30 a 18:30 horas, na Praza de América será a quenda para o público máis novo que poderán gozar de diversos xogos tradicionais.
O broche de ouro da 42 ª Edición da Feira do Grelo virá da man do concerto de Amancio Prada no que contará coa colaboración da Rondalla Vila das Pontes, a partir das 19:00 horas no Auditorio Municipal Cine Alovi
Desde o Concello de As Pontes animan a toda a veciñanza e visitantes a gozar desta nova edición da Feira do Grelo desexando que o programa deseñado, tratando de atender ós gustos de todo os públicos, sexa do seu agrado.