As Pontes, 24 de xaneiro de 2024. A empresa pontesa, Proyectos Soluciones e Instalaciones Galicia, SLU, ubicada no poligono dos Airios, continúa coa ampliación de servizos e capacidade na súa planta, proxectos para o que ven de recibir unha achega de 99.936 euros do Instituto para a Transición Xusta dirixida a pequenos proxectos de investimento xeradores ou mantedores de emprego en zonas de transición (convocatoria 2023)

O proxecto que foi presentado á concelleira de Industria, durante unha visita a semana pasada á empresa, permitirá a adecuación dunha planta de oficias así como a ampliación da zona de taller e a adquisición de diversos equipos e maquinaria cos que PSI ampliará a súa capacidade de servizo tanto na área de enxeñería como na de instalacións e subministros.

A concelleira sinalou que este investimento contribuirá a reforzar a posición das Pontes como un dos principais asentamentos industriais da comarca e continuar recuperando talento local, altamente cualificado. “O proxecto prevé a creación de catro novos postos de traballo, que se veñen a sumar aos once actuais dos cales, unha alta porcentaxe é orixinaria das Pontes, cos que PSI contribuirá non só a dinamizar a economía local, senón a de toda a comarca.

PSI é unha consultaría de Enxeñería Industrial, especializada no deseño e elaboración de proxectos integrados de enxeñería e arquitectura con especial atención o urbanismo, integrando desde o desenvolvemento do concepto básico ata a execución e posta en marcha das instalacións.

Entre os proxectos máis recentes levados a cabo pola consultaría destacan os proxectos de rehabilitación e mellora de eficiencia enerxética para edificio de usos múltiples no Concello de A Capela, a elaboración da memoria de eficiencia enerxética e execución das medidas na piscina olímpica de Lieiro no Concello de Cervo, o proxecto de instalación dunha nova caldeira de biomasa na planta industrial de Betanzos HB, o plan de mellora viaria de camiños rurais no Concello de Ortigueira e a instalación para Centro de Recarga de aire respirable para o Ministerio de Defensa.

Entre os sectores nos que traballa destacan o sector da madeira, con proxectos e obras para Betanzos HB, Unemsa, Intasa ou Maderas Goiriz, no sector da alimentación para empresas como Entrepinares e Stolt Sea Farm, no sector agrogandeiro como Severiano Agrocomercial e Caponcito, no sector industrial con proxectos para Forestal do Atlántico, Pasa, Demaq Galicia, Grupo Acebrón, Biomasa Forestal, Intacta, Huso, Severiano Adera, Lavamar ou Perfilmat, entre outros, así como no sector eólico atopándose entre a súa carteira de clientes Norvento e Tecnorenova e no sector da Administración Pública con concellos como As Pontes, Ortigueira, A Capela, Cervo, Pontedeume e Miño, entre outros.

A empresa conta na actualidade con 11 empregados, con perfiles técnicos especializados en arquitectura e enxeñería, cunha facturación media anual de 700.000 euros.