Foto: Club Vela Fluvial As Pontes

As Pontes, 24 de febreiro de 2023. O auditorio municipal Cine Alovi albergará hoxe, a partir das 19:00 horas, a Gala da Vela, unha decisión adoptada pola Xunta Directiva da Real Federación de Vela coa que quere amosar o seu apoio ao Club de Vela Fluvial das Pontes.

Desde o Concello, Elena López, responsable da área de Turismo apunta que “no municipio contamos cun espazo único que permite o desenvolvemento de diversas actividades náuticas, entre elas a práctica do deporte da vela e estamos especialmente orgullosos de ver como o traballo desenvolvido durante estes anos polo Club Fluvial ten a súa recompensa, non só no aspecto deportivo  senón tamén en forma de recoñecemento facendo que As Pontes fose elexida para reunir ao mellor do deporte da vela da nosa comunidade”

Durante a Gala da Vela, organizada polo Club de Vela Fluvial das Pontes entregaranse máis de 120 premios correspondentes aos méritos deportivos, os recoñecementos persoais, institucionais e empresariais do ano 2022, dos que xa teñen trascendido algúns como o premio aos Mellores Regatistas Olímpicos, que en categoría masculina recaeu na figura de Nicolás Rodríguez, sendo en categoría feminina o recoñecemento para Támara Echegoyen.

O Técnico do Ano é para Juan Portela, adestrador da clase IQ Foil conseguindo co equipo galego uns excelentes resultados no mundial de Chipre. A Mención Especial á súa Traxectoria é para Carlos Agra, director deportivo do Real Club Náutico Sanxenxo, unha figura indiscutible na vela galega, do mesmo xeito que a Mención Especial ao Mellor Xuíz, un premio que recoñece os méritos de Manuel Carlos Rodríguez (Litos).

O Club de Vela Fluvial das Pontes leva a Mención Especial de Apoio ao Deporte da Vela, sendo o de Mellor Promoción para a Campaña de Vela de Deputación provincial da Coruña.

A Armada Española recollerá unha Mención Especial pola conmemoración do V Centenario da I Circunnavegación á Terra e Varadero Comunicación farao como Mellor Proxecto de Comunicación Náutica.

Por último, a Real Federación Galega de Vela tamén avanzou os premios aos tres Mellores Eventos Internacionais celebrados na comunidade galega durante o transcurso de 2022, como foron o Mundial de 6 Metros, organizado polo Real Club Náutico de Sanxenxo; a 52 Super Series – Baiona Sailing Week, do Monte Real Club de Iates de Bayona; e o Mundial de Vaurien, do Real Club Náutico de Vigo.