As Pontes, 5 de xullo| As Pontes acollerá, o vindeiro 11 de xullo, a proxección do documental A Palabra Xusta, ópera prima de Miguel Piñeiro, no que amosa unha viaxe polos recordos de Antía Cal Vázquez, fundadora da Escola Rosalía de Castro.

Esta actividade, promovida pola concellería de Benestar Social, amosará ós asistentes a historia dunha mestra, pedagoga, feminista, defensora do progreso e da liberdade. Un relato sobre o amor, a educación e a complexidade de fundar unha escola laica, igualitaria e plurilingüe, sendo muller na España de 1960.

O título é unha chiscadela a un xogo que inventou a mestra Antía Cal para ensinarlles aos seus alumnos a traballar en equipo e sintetizar. Ó terminar a clase, cada neno tiña que escribir nun papel o que aprendera e facelo nunha soa palabra. Todas as respostas colocábanse nunha parede e, entre todos os alumnos, elixían a que mellor representaba o aprendido; era a palabra xusta.

  • Data: 11 de xullo
  • Hora: 21:00 horas
  • Lugar: Casa Dopeso
  • Entrada de balde