As Pontes, 10 de xullo de 2020. O Concello das Pontes iniciará o luns, 13 de xullo, os traballos da última fase das obras de rehabilitación da Avenida de Galicia coa substitución da capa de rodadura existente por aglomerado impreso para aumentar a seguridade e comodidade do viario.

Para levar a cabo estas tarefas procederase ao corte do tráfico rodado, no tramo comprendido entre a Praza do Hospital e a Pontes de Isabel II, habilitándose o acceso á vila a través da Ponte da Presa de Alende e da Rúa Alcalde José Vilaboy Pajón, quedando, no caso dos vehículos pesados, limitado o acceso ao centro urbano a través desta última rúa.

Os traballos financiados pola Deputación da Coruña, cun orzamento de 227.563,67 euros, tiveron como obxectivo prioritario crear unha rúa na que os peóns gañen relevancia, seguindo a liña estrutural e estética das fases anteriores.

Deste xeito, procedeuse a eliminar o nivel existente entre a estrada e as beirarrúas así como á mellora da iluminación coa execución dunha nova canalización eléctrica, instalación de arquetas e o retranqueo das luminarias para realizar unha nova disposición ao tresbolillo así como a instalación de captafaros led nos pasos peonís.

Ademais levouse a cabo a renovación da rede de saneamento en ambas marxes da rúa, a conexión das acometidas das augas fecais e as conexións á nova rede de drenaxe das baixantes dos tellados así como a instalación de sumidoiros e a separación da rede de augas pluviais da rede de saneamento.

A terceira fase da Avenida de Galicia, finalizados os traballos de extensión da nova capa de rodadura, rematarán coa instalación de novo mobiliario urbano (papeleiras, xardineiras e bancos) e a sinalización completa do tramo.