As Pontes, 16 de maio de 2020.  O Concello das Pontes puxo en marcha esta semana a primeira fase do programa, Impulsa As Pontes, un proxecto de carácter transversal orientado á dinamización económica da vila nas áreas do comercio e a hostalaría.

Durante a presentación desta primeira fase do programa, dirixida ao sector do comercio e no que participan 60 establecementos, a concelleira responsable da área, Elena López, agradeceu aos comerciantes locais a súa participación en Impulsa As Pontes “un programa a través do que o Concello quere ofrecer ferramentas que permitan aos negocios locais saír nas mellores condicións posibles da crise provocada polo COVID19 así como crear unha marca As Pontes que sexa competitiva no mercado actual”

Durante este encontro, os/as participantes puideron coñecer máis polo miúdo un programa  que contará con accións comúns para o sector comercial e turístico e outras diferenciadas para, deste xeito, axustar as accións ás diferentes necesidades que presenten ambos sectores, da man de consultores especializados en emprendemento, comercio e economía.

A fase dirixida ao sector comercial inclúe un conxunto actividades encamiñadas a mellorar as canles de venda existentes na actualidade a partir da diagnose de cada un dos establecementos participantes no programa.

A continuación pasarán a unha etapa de formación conxunta, a través de 9 “píldoras formativas” nas que se atenderán a aspectos que poidan apoiar o deseño e comercialización dos produtos, tales como o uso de redes sociais, venta online, experiencia de cliente, promoción ou cuestións sobre finanzas ou prevención de riscos laborais.

Na súa seguinte etapa Impulsa As Pontes ofrecerá asesoramento individualizado, realizando un acompañamento e seguimento a cada un dos comercios e pequenos negocios participantes para definir o seu plan de mellora e aumentar a súa competitividade ao tempo que se pon en marcha, a través de diferentes medios de comunicacións e plataformas dixitais, unha campaña de sensibilización dirixida a toda a poboación para fomentar as compras no comercio local pontés.

Impulsa As Pontes rematará cunha acción de promoción conxunta e a creación dunha plataforma de venta online, a través da que o Concello das Pontes quere contribuír a reducir o impacto do coronavirus na economía das persoas autónomas e pemes do municipio e fomentar a transformación tecnolóxica dos comercios para impulsar o aumento do consumo.