As Pontes, 16 de xuño| Poucos días quedan xa para anotarse nunha nova edición dos campamentos urbanos que, cada verán, oferta dende a Concellería de Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller coa fin de promover e conciliar a vida laboral, familiar e persoal das mulleres durante a etapa de vacacións escolares. E é que o vindeiro luns pecharase o prazo para inscribirse en calquera das catro quendas que se ofertarán para as vindeiras semanas dende o departamento que dirixe Isabel Fornos.

Un total de 70 nenos e nenas, cinco deles con necesidades educativas especiais, poderán tomar parte nas quendas de xuño, xullo, agosto e setembro que integran este programa e que está dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos de idade.

O colexio da Magdalena volverá abrir as súas portas a este programa, tras dous anos de ausencia no mesmo, e coma é xa habitual da man de dous horarios que se adaptan, deste xeito, ás necesidades de cada participante. E é que será posible que os pequenos cheguen ás 8 da mañá para xa almorzar no propio centro ou ven entrar ás 10 para incorporarse directamente ás actividades de cada xornada.

Asemade, un ano máis contarase con servizo de transporte para aqueles pequenos e pequenas que o precisen, aínda que tan só está dirixido aos nenos e nenas que acudan ás 8 a estes campamentos.

O prezo por campista será de 10 euros para as quendas de xuño e setembro e de 40 euros para xullo e agosto e terán preferenza aquelas familias que xustifiquen que tanto o pai coma a nai están a traballar e non en período de vacacións ou que asistan, durante o verán a algún curso de formación.

As matrículas poden xa tramitarse no departamento municipal de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso, en horario de luns a venres de 8.30 a 2 da tarde, ou ben mediante o correo electrónico [email protected] ata o vindeiro luns día 19. Ante calquer tipo de dúbida, é posible telefonar tamén ao departamento de Servizos Sociais no 981 44 10 08.