O programa Compost da Casa encara a súa recta final

65

As Pontes, 19 de setembro de 2018.  O programa Compost da Casa, posto en marcha polo Concello de As Pontes , coa colaboración de Sogama, encara a súa recta final cunha nova visita de seguimento.

Trátase da cuarta visita que os técnicos do programa realizan ás 50 familias que participan nesta iniciativa, pioneira en Galicia, para avaliar o estado das composteiras, analizar os procedemento adoptados por cada fogar na elaboración do abono, corrixir erros e resolver dúbidas.

Durante estas visitas, que arrincaban a semana pasada e que rematarán o sábado, ós técnicos recollerán  pequenas mostras de compost para envialas ó Campus Universitario de Lugo, ós laboratorios de Edafoloxía, onde serán analizadas co obxectivo de coñecer, polo miúdo, as  súas características e comprobar os resultados do programa.

Este é o penúltimo encontro que as familia pontesas manterán cos técnicos do programa, á  espera dos resultados das analíticas, e que dan continuidadeó traballo realizado nas dúas charlas informativas e as tres visitas anteriores. Encontros nos que se lles ofreceu, ós integrantes do proxecto, apio personalizado sobre as técnicas de compostaxe tales como a localización das composteiras, a frecuencia de aporte de materia orgánica ou a tipoloxía da mesma co obxectivo de obter abono de alta calidade.

Desde o goberno local, a tenente de alcalde, Montserrat García, resalta o carácter innovador deste programa, “que combina a compostaxe doméstica e a vermicompostaxe, dúas técnicas  diferentes pero que neste programa se complementan na aposta do Concello de As Pontes por concienciar á veciñanza sobre as vantaxes da xestión sostible dos refugallos urbanos, promovendo, ó mesmo tempo, un cambio de ámbitos no que se dá prioridade á redución, reutilización e reciclaxe dos lixo orgánico e, estas visitas confirman que vamos na dirección correcta”

 

Programa piloto en Galicia

Compost da casa é un programa pioneiro en Galicia, na actualidade en marcha en tres concellos galegos, no que participan medio centenar de fogares ponteses, localizados no centro urbano e nas parroquias de Ribadeume, Bermui, Goente, Espiñaredo, o Freixo e Aparral e no que tamén están implicadas a Escola Infantil A Barosa e o Centro de Educación Especial ASPANAES.

Trátase dun dobre programa de compostaxe, que puxo a disposición dos veciños un total de 53 composteiras; 27 caixóns de compostaxe doméstica tradicional e 27 composteiras de vermicompostaxe, que permiten a descomposición de residuos orgánicos mediante o uso de miñocas para obter un fertilizante de maior rendemento e gran calidade

O proxecto   aposta por minimizar a produción de refugallos, sacarlle o maior partido posible á materia orgánica a través de súa recuperación en orixe e impulsar a súa reutilización, transformando os residuos en recursos, dándolles novos usos que impulsan o coidado do entorno natural e un crecemento sustentable.

COMPOST DA CASA