As Pontes, 9 de outubro de 2019. O pleno do Concello das Pontes aprobaba está mañá, durante unha sesión ordinaria, coa abstención do PP, BNG e Xunt@s por As Pontes a concesión dunha subvención, por valor de 25.000 euros á Sociedade Protectora de Animais das Pontes “Pegadas Solidarias”

Por medio desta achega, o goberno local quere apoiar e dar visibilidade ao traballo que desempeña a asociación a prol do coidado de animais abandonados, implicando á cidadanía en iniciativas como a adopción e acollida temporal, o voluntariado, e da concienciación social para tratar de evitar o abandono e promover o respecto polos animais, a través de charlas, campañas de civismo, respecto e convivencia.

Esta achega está destinada a sufragar os gastos derivados das actividades levadas a cabo colectivo animalista tales como conservación das instalacións, gastos veterinarios, farmacéuticos, medicamentos o pensos.

O pleno tamén aprobou, por unanimidade, os festivos locais para o ano 2020 que quedaron fixados para o martes, 25 de febreiro e o luns, 20 de xullo.

Asemade, o Concello das Pontes aprobou, por unanimidade, unha moción presentada polo grupo popular  para a adhesión do municipio ao programa Cidades Amigas da Infancia, liderado por UNICEF e acordou a posta en marcha dos trámites precisos para solicitar tal recoñecemento no ano 2022.