O Concello construirá unha nova pasarela sobre o río Eume

489

As Pontes, 24 de xaneiro de 2019. O Concello de As Pontes, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e mobilidade no casco urbano e garantir, deste xeito, unha mellor calidade de vida entre toda a veciñanza ten prevista a construción dunha nova pasarela peonil sobre o río Eume, paralela á ponte de Isabel II.

O proxecto, incluído no POS 2019 da Deputación da Coruña e aprobado polo pleno municipal, suporá unha inversión de 168.441 euros e prevé a substitución da actual pasarela por outra con xeometría triangular que permitirá minimizar o impacto visual da estrutura, sen entrar en conflito co patrimonio histórico da vila.

Sobre esta estrutura, formada por unha cercha tridimensional metálica de aceiro, instalarase unha plataforma peonil con acabado en tarima de madeira tecnolóxica que, a través de diversos planos, evitará a formación de pantallas verticais que dificulten a visión da contorna e creará unha zona de tránsito máis ampla, cómoda e segura, de dous metros de ancho, para os peóns.

A cercha contará con diversos reforzos estruturais metálicos e outros elementos modulares, coas mesmas características que a zona de tránsito, para evitar torsións e soportar as varandas da pasarela peonil mentres que, co obxectivo de potenciar unha imaxe de unidade e lograr a perfecta integración coa contorna, os elementos de aceiro pintaranse. Asemade a actuación tamén contempla a instalación de alumeado led en liña, baixo os pasamáns e o mobiliario urbano, e alumeado indirecto sobre a ponte de Isabel II.

Desde o Concello de As Pontes fan fincapé en que este proxecto permite avanzar na renovación integral da Avenida de Galicia e da Avenida de Lugo, apostando pola revalorización e modernización de dúas das arterias de circulación máis importantes do municipio, na procura dun impacto positivo sobre o conxunto da veciñanza.

As actuacións que comezaron no ano 2015 coa renovación da Praza do Hospital tiveron continuidade coas obras de primeira fase da Avenida de Galicia e os traballos de mellora da accesibilidade da Avenida de Lugo, fase I.

Na actualidade están en execución os traballos da fase II da Avenida de Galicia e, o equipo de goberno apunta que: “O tramo restante da vía completarase coa construción da pasarela peonil e cunha terceira fase de traballos que arrancarán na praza do Hospital e rematarán no inicio da Avenida de Lugo, vía na que tamén se levará a cabo un novo proxecto de humanización, neste caso na marxe dereita, entre as rúas entre a Rúa Caraveis e o viario da Cuíña”.

As tres actuacións, incluídas no Plan de Obras e Servizos 2019 da Deputación da Coruña, suporán unha inversión conxunta de 533.387 euros que hai que sumar ós 611.604 euros xa investidos nos anteriores proxectos.