O Concello adxudica tres actuacións de mellora da rede de abastecemento e saneamento

107
  • Os traballos realizaranse nas rúas Antonio Machado, Méndez Núñez e Monte Caxado.
  • O orzamento das obras supera os 105.200 euros.

As Pontes, 22 de agosto de 2018. O Concello de As Pontes aprobou, esta semana, a adxudicación de tres novas actuacións para a mellora da rede de saneamento e abastecemento do municipio. Os traballos incluídos nesta proposta desenvolveranse na Rúa Antonio Machado, na rúa Méndez Núñez e na Rúa Monte Caxado e teñen un orzamento global de 105.297 euros.

O alcalde, Valentín González Formoso, subliñou que “con estas actuacións, financiadas co cargo ó Fondo de Compensación Ambiental, o concello de As Pontes segue apostando pola renovación e modernización das redes de abastecemento e saneamento da vila co fin de mellorar a calidade do servizo na súa totalidade, feito que repercute na calidade de vida da veciñanza”.

Das tres obras adjudicadas, unha afectará á rede de saneamento e dúas se  desenvolverán na rede de abastecemento. En canto ós traballos previstos na rede de saneamento, o proxecto da Rúa Antonio Machado suporá unha actuación na canalización das augas que se conectará coas acometidas existentes, os sumidoiros e as baixantes dos edificios, executándose asemade pozos de rexistro.

A nova canalización terá conexión co ramal que circula pola beirarrúa de enfronte, á altura da intersección coa a Rúa Rego do Campo e Antonio Machado e nas cunetas procederase á renovación das arquetas e á instalación de reixas para evitar a entrada de sólidos na rede de saneamento.

No caso da Rúa Méndez Núñez, os traballos proxectados contemplan a instalación dunha nova tubaría, a renovación das acometidas e a súa conexión a canalización principal co obxectivo de garantir un servizo de calidade ós veciños e instalarase, tamén, unha boca de rego.

Por outra banda, na rúa Monte Caxado vaise executar a renovación da canalización principal que se completará coa reposición das acometidas existentes e a instalación de dúas bocas de rego co obxectivo de mellorar o subministro ós dous centros educativos situados nesta rúa.