As Pontes a 6 de Marzo do 2017

O pasado 2 de marzo, o proxecto de Turismo Industrial promovido pola Concellería de Turismo e o Instituto de Promoción Económica das Pontes (IPPEC) recibiu unha nova visita, a máis numerosa ata o día de hoxe. Nesta ocasión, acudiron a coñecer a súa industria e o seu patrimonio industrial, 115 alumnos dos ciclos de preimpresión, impresión, carpintería e soldadura do Centro de Formación Profesional Calvo Sotelo da cidade da Coruña.

A visita comezou coa recepción no salón de plenos da Casa consistorial feita pola concelleira de Emprego e Turismo, que resaltou a importancia deste proxecto, para dar a coñecer os recursos industriais, tanto empresariais como histórico-culturais, que atesoura o noso concello. Unha vez rematada a presentación de Ana Pena, o grupo dividiuse para visitar as 4 empresas que máis lle interesaba a cada especialidade: Einsa Print, Adera, Intasa-Galparquet e Prometal.

Así, os estudantes do ciclo de soldadura foron recibidos no Centro de Dinamización Empresarial SEARA sito no Polígono de Penapurreira, polo xerente da empresa local Prometal, Daniel Filgueiras, que realizou unha presentación técnica dos traballos de soldadura, caldeirería e estruturas metálicas que realiza a súa empresa. Os futuros soldadores tamén tiveron ocasión de consultar sobre as saídas laborais dos seus estudos, a situación real do sector na actualidade, e as boas oportunidades que se abren nos próximos anos para os seus oficios.

Simultaneamente, os visitantes do ciclo de preimpresión e impresión desprazáronse ata as instalacións da empresa Einsa Print, onde David Souto, responsable de prevención da empresa, mostrou o proceso produtivo dunha das grandes imprentas industriais de España, contando nas súas instalacións de As Pontes con 9 rotativas, 1 rotativa de resma, 5 máquinas de encadernación e máis de 300 empregados.

O alumnado de carpintería e mobiliario visitou as empresas de Adera e Intasa-Galparquet, dúas compañías relacionadas co mundo da madeira. A primeira máis enfocada á fabricación de diferentes tipos de mobiliario e ao torneado-industrial, foi presentada polos seus responsables, Alejandro Castro e Lolo Castro, un dos mellores artesáns da madeira que hai en España, e que fixo unha demostración da tornaría clásica.

No caso da visita a Galparquet, pertencente ao Grupo Gadisa, a visita foi guiada polo seu director técnico, Fernando Sepliarsky, que explicou con todo detalle as instalacións da firma e o proceso de fabricación de tarimas, parqués, revestimentos e rodapés, cuxos produtos están presentes en máis de 70 países de 3 continentes.

Despois de coñecer a pé de fábrica estas 4 empresas, o alumnado e os seus profesores continuaron o percorrido polos principais recursos de patrimonio histórico-industrial, como o Poboado das Veigas e o local de hostalería O Lar, creado hai medio século pola empresa estatal ENCASO. Este empresa foi a responsable do inicio dos traballos de explotación da mina de carbón, pechada hai case 10 anos para ser transformada nun dos lagos de orixe industrial máis grandes do Mundo, e actualmente, principal reclamo turístico da nosa vila.

+INFO:

As Pontes, Experiencia Industrial www.experienciaindustrial.es

VER FOTOS DA VISITA: ENTRAR FLICKR