As Pontes, 14 de setembro| As Pontes acollerá unha nova charla incluída na cuarta edición do programa Dalle luz á túa Factura, impulsado pola Xunta de Galicia para asesorar aos consumidores galegos sobre como reducir o gasto en electricidade.

Así, o vindeiro 16 de outubro, nas dependencias da Casa Dopeso, contarase cun expositor itinerante onde as persoas interesadas poderán recibir información e coñecer máis de preto este tipo de recomendacións prácticas dirixidas a rebaixar o noso recibo da luz.

Dende as 18.30 horas da tarde, todo aquel veciño ou veciña que o desexe poderá pasarse por este stand para informarse debidamente sobre o contrato que máis se adapta ás súas necesidades, a potencia contratada, valorar a discriminación horario ou mesmo saber como proceder á hora de presentar unha reclamación.

Impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria; o obxectivo desta campaña divulgativa é dara coñecer as principais recomendacións para aforrar no consumo de luz e facilitar a comprensión da factura eléctrica.

Xunto con este tipo de charlas, que se desenvolverán en moitos concellos galegos, Dalle luz á túa factura conta tamén cun espazo en facebook e un teléfono gratuíto de información o 900 907 723, nos que o consumidor tamén pode solventar as súas dúbidas e asesorarse sobre cales son as tarifas que máis se adaptan ao seu consumo.