As Pontes, unha vila con moito “Son”

109

As Pontes, 13 de xullo de 2018.  As Pontes converterase,  durante este fin de semana,  nunha vila con moito “Son” grazas ás actividades programadas pola Rede Cultura 2018 da Deputación da Coruña.

O sábado, 14 de xullo, a partir das 22:30 horas, a Praza de América acollerá o espectáculo musical  Son galego, son cubano; un proxecto que o músico, Roi Casal compuxo en colaboración co escritor Neira Vilas e no que se mesturan as letras do poeta con actuacións de músicos de Galicia e Cuba.

Este espectáculo púxose en escena por primeira vez no ano 2016, no Gran Teatro de La Habana, e, desde entón, xa foi visto por máis de 100.000 espectadores. Trátase dun espectáculo musical entre Galicia e Cuba no que se rende homenaxe a Neira Vilas e á emigración galega en Cuba.

O domingo, ás 22.30 horas, no polideportivo municipal, a compañía Nova Galega Danza, liderada por Jaime Pablo Díaz, director da escola municipal de baile de As Pontes, recalará na vila para presentar SON. Un espectáculo no que se fusiona a danza tradicional galega, o baile contemporáneo e o flamenco, nunha montaxe interpretada unicamente por bailaríns.

Este espectáculo ten como eixo argumental a relación entre un escultor e as súas obras na loita para construír a súa voz propia,e presenta dez pezas, que interpretan catro bailaríns de danza tradicional galega, catro bailaores e un bailarín de danza contemporánea.

SON, codirixido por Díaz e Carmelo Segura, conta coa colaboración do escenógrafo Carlos Rodríguez, as voces de Juan Debel e “Xisco”, que interpretan temas de Sergio Moure Oteyza co acompañamento musical do grupo Cordes del Món.

O espectáculo foi Premiado na MIT Mostra Internacional de Teatro Ribadavia co Premio do Público a Mellor Espectáculo e candidato a 5 nomeamentos nos Premios Max 2018 das Artes Escénica, entre elas ó de Mellor Espectáculo de Danza.

Festival de música clásica SON As Pontes

Por outra banda, o sábado, ás 13:00 horas, os xardíns do Parque Municipal acollerán o último recital do festival SON de As Pontes de música clásica con obras de Mozart, Barber e Warlock.

Son As Pontes é unha proposta pedagòxica e artística, organizada polas Xuventudes Musicais da Coruña, en colaboración co Conservatorio Municipal de As Pontes, na que durante unha semana , se deron cita algúns dos mellores novos intérpretes do ámbito nacional.

Desde o 9 ao 14 de xullo, decenas de artistas invitados e alumnos participaron no ciclo de novas promesas e achegaron ós ponteses á música de cámara. Concertos de vento e guitarra, cuartetos con piano, pezas de Mozart ou de Bach foron algunhas das propostas deste festival das que os amantes da música puideron gozar na Casa Dopeso e na Igrexa de Santa María.