As Pontes, 2 de abril de 2019.  O Concello de As Pontes, con motivo da conmemoración do Día Mundial do Autismo, que se celebra o dous de abril, súmase á campaña “Haz un gesto por el autismo”, promovida pola Confederación Autismo España e posta en marcha no municipio a través da Aspanaes.

O goberno local quere mostrar, deste xeito, o seu apoio e solidariedade co colectivo de persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) como o seu compromiso coa loita pola inclusión das persoas con diversidade funcional.

Así, membros da corporación municipal participarán nunha xornada lúdica organizada pola Asociación de Pais de Persoas con Trastorno con Espectro Autista, á que tamén asistirá o alumnado dos Centros de Educación Especial e dos Centros Residenciais de Apanaes en As Pontes e Ferrol así como as alumnas e alumnos do diferentes centros educativos de As Pontes, para concienciar á poboación máis nova do municipio sobre a necesidade da inclusión das persoas con TEA.

A cita será o vindeiro venres, 5 de abril, no pavillón polideportivo municipal. A xornada comezará ás 11:30 horas coa chegada dos participantes ás instalacións deportivas municipais para formar, entre todos, o símbolo do infinito, imaxe da campaña da edición do ano 2019.

A continuación, un grupo de escolares procederá á lectura dun manifesto para chamar a atención sobre a necesidade de aumentar a concienciación social sobre o autismo e promover un mellor coñecemento de como o conxunto da sociedade pode contribuír á inclusión das persoas con TEA, impulsando melloras na súa calidade de vida.

A xornada rematará cunha masterclass de zumba, a partir das 12:00 horas, na que se tratará de amosar a oportunidade que o deporte representa para a inclusión e participación social das persoas con TEA.