As Pontes inicia a limpeza das cunetas e gabias en 61 quilómetros de camiños rurais

137

As Pontes, 21 de agosto de 2018. O Concello de As Pontes pon en marcha, por primeira vez, un plan de limpeza, con carácter xeral, de cunetas e gabias en 61 quilómetros de estradas e camiños rurais de titularidade municipal. Este proxecto, que ten un prazo de execución de aproximadamente un mes,  realizarase co dobre obxectivo de mellorar a drenaxe dos viarios e evitar a deterioración ambiental.

Estas actuacións permitirán previr os desbordamentos, a erosión da capa de rodadura e a aparición de fochancas, mellorando a seguridade viaria e a accesibilidade en todo o municipio. Os traballos de limpeza tamén están dirixidos a protexer a cuberta vexetal autóctona para evitar a proliferación de especies vexetais invasoras e a conseguinte degradación ambiental.

O alcalde, Valentín González Formoso, explicou que estes traballos, que inclúen tamén a limpeza de tubos atrancados, a sucidade das marxes e a roza da vexetación existente para devolver as cunetas e gabias ao seu estado orixinal, suporán unha inversión de 126.873 euros, con cargo ó Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2018.

Serán varios equipos os que traballen na limpeza de cunetas e gabias mediante o emprego de medios mecánicos e, as tarefas de acondicionamento realizarase en todo o ancho da cuneta.

González Formoso incide en que estas actuacións acometeranse en zonas moi transitadas, nas que os riscos de deterioración son altos e levaranse a cabo, entre outras, nas parroquias de Ribadeume, Bermui, San Pedro de Eume, Aparral, Pontoibo, Freixo, Deveso, Espiñaredo e a Vilabella, sumándose ós traballos de limpeza, mantemento e preservación da seguridade viaria que, desde fai anos, o Concello de As Pontes levan a cabo nos viarios municipais.