As Pontes forma ós emprendedores do futuro

174

As Pontes, 17 de abril de 2018. O Concello de As Pontes lanzou, o pasado mes de marzo, un programa de motivación emprendedora dirixido ós alumnos de primaria o municipio.

Con esta iniciativa, o goberno local quere potenciar, entre os ponteses máis novos, competencias propias dos emprendedores coma a creatividade, sociabilidade, a capacidade de aprendizaxe, a paixón e a tenacidade.

A través de xogos e outras actividades lúdicas, os alumnos deste obradoiro aprenden nocións sobre economía, finanzas ou contabilidade e conceptos como que son os bancos, o aforro, a débeda ou consumo responsable que lles axudan a entender aspectos da súa vida cotiá e a coñecer mellor a súa contorna.

Esta actividade xurde, en palabras de Ana Pena, concelleira de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego, da necesidade de inculcar nas novas xeracións o espírito emprendedor. “Todos o nenos levan un emprendedor dentro, a súa imaxinación non ten límites e, desde o Concello de As Pontes, queremos ofrecerlles as ferramentas necesarias para potenciar o seu talento e as súas competencias”.

Nese sentido Pena incidiu na importancia de comezar desde a infancia a fixar conceptos e a sensibilizar ás nenas e nenos na idea de que é posible imaxinar un negocio, unha empresa e facela realidade no pobo.

“Os nosos nenos son a base da economía do futuro e desde o goberno local, queremos axudarlles a ser mulleres e homes que xeren un impacto positivo, no noso municipio e no conxunto da sociedade, co seu traballo; amosándolles que con paixón, e esforzo é posible acadar os seus obxectivos e soños”.

O curso “Nenoos emprendedores”, no que participan 20 rapaces, desenvólvese todos os martes, de 17:00 a 19:00 horas na Biblioteca Municipal e estenderase ata finais do mes de maio.