• O servizo alcanza as 93.978 horas anuais
  • O número de usuarios ascende a 215

As Pontes, 17 de xaneiro de 2019 O concello de As Pontes destinará, durante o ano 2019, máis de 1,2 millóns de euros ó servizo de axuda no fogar co obxectivo de atender á veciñanza que precisa de apoio para desenvolver as actividades básicas da vida cotiá e deste xeito previr situacións de deterioro e exclusión persoal e social.

Esta cifra, que supón un incremento do 39% nos últimos dous anos tradúcese nun aumento do número de horas de prestación do servizo de axuda no fogar, que pasa de 74.400 a 93.978 horas.

Este aumento permitirá, en palabras da Concelleira de Benestar Social, Isabel Fornos, “ampliar o número de usuarios do servizo e favorecer, deste xeito, a súa autonomía e a súa continuidade no entorno familiar, completando a labor que, en moitos casos, xa están a realizar os seus familiares, servindo tamén como un servizo de respiro para os coidadores”.

Na actualidade o número de ponteses e pontesas que se benefician deste servizo ascende a 215 e son, maioritariamente, de persoas maiores de 65 anos, con algún tipo de dependencia que chegan a través da Xunta de Galicia ou, directamente, a través do programa de libre concorrencia do departamento de Benestar Social do Concello de As Pontes.

Isabel Fornos sinala que grazas a este último programa “é posible atender a un maior número de ponteses e pontesas, non só dependentes senón tamén a persoas que de xeito transitorio e temporal se atopan en situacións de recuperación ou convalecencia médica e que precisan de axuda no fogar. Deste xeito podemos atallar certas problemáticas e dar resposta a casos urxentes que non permiten tempos de espera”.

Na actualidade o servizo emprega a un total de 83 auxiliares que realizan, principalmente, tarefas de asistencia no aseo persoal, hixiene postural, limpeza do fogar, compra de alimentos e asistencia fóra do fogar para realizar trámites administrativos ou sanitarios, apostando por unha atención integral que impulse o seu benestar e calidade de vida.