Aprobouse cos votos a favor de PSOE, BNG e Xuntas por As Pontes- En Común e a abstención do Partido Popular

As Pontes, 6 de novembro de 2019.  O pleno do Concello das Pontes aprobou hoxe, durante a celebración dunha sesión plenaria ordinaria, coa abstención do PP,  unha moción conxunta, presentada por PSOE, BNG e Xuntas por As Pontes-En Común na que se solicita, a todos os grupos políticos con representación no parlamento autonómico, a inclusión de dúas enmendas ao borrador dos orzamentos xerais da Xunta de Galicia do ano 2020.

Unha das enmendas irá dirixida aos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (XESTUR) solicitando a inclusión dunha partida orzamentaria destinada á creación de chan industrial no parque empresarial de Penapurreira e outra á proposta orzamentaria da Consellería de Economía, Emprego e Industria reclamando a súa participación adicional e complementaria nun convenio de transición xusta para As Pontes.

A edil de Industria, Ana Pena, durante a exposición de motivos polas cales se elevou esta moción ao pleno destacou que desde o grupo de goberno “consideramos que, debido á situación de emerxencia industrial e á importancia de promover o desenvolvemento e diversificación empresarial no municipio é  urxente que a administración autonómica, no exercicio das súas competencias, impulse economicamente e facilite o  desenvolvemento de chan industrial para promover a implantación de novas actividades económicas así como o seu compromiso de participar activamente nun proceso de transición enerxética xusta que deber pasar pola xeración de novos proxectos e empregos”

Asemade, apuntou que a través da moción o que se busca e que a “Xunta de Galicia non permaneza impasible ante a situación que estamos vivindo en As Pontes e que poña en marcha a súas competencias no ámbito industrial para apoiar a promoción de chan industrial no noso municipio. 

Trátase, en palabras da concelleira, dunha “solicitude que levamos anos planteando, tanto desde o  equipo de goberno e desde a corporación municipal e que xa non só é unha necesidade senón que é unha urxencia, xa que se non somos quen de desenvolver chan industrial perderemos oportunidades de ter novas industrias en As Pontes”