As obras do campo deportivo do Poboado avanzan a bo ritmo

137

As Pontes, 28 de agosto de 2018. As obras de creación  do campo deportivo de herba artificial do Poboado avanzan a bo ritmo e atópanse xa na súa fase de recheo con capa de zahorra artificial e compactación da plataforma para, a continuación proceder á  execución do pavimento  asfáltico e á colocación do céspede artificial.

Traballos que  comezaron fai uns días e que se suman ós xa rematados de demolición, desbroce, excavación, saneado e limpeza do terreo, cimentación das torres de iluminación, conexión do saneamento á rede xeral e a canalización eléctrica.

O novo campo, que se enmarca dentro do proxecto do goberno municipal para a posta en valor das instalacións deportivas do Poboado, cun orzamento que supera os 649.000 euros, con cargo  o POS+ da Deputación da Coruña, será polivalente e estará homologado tanto para practicar fútbol como  rugby.

O alcalde, Valentín González Formoso, fai fincapé en que o proxecto está deseñado para que o campo de céspede artificial albergue a maior cantidade de deportes posibles e, á súa vez, permita practicalos en mellores condicións, reducindo no terreo os envites das condicións climatolóxicas.

“Este proxecto fainos avanzar cara un pobo máis sustentable, tanto desde o punto de vista social como ambiental, económico e deportivo. Nel apostamos polo uso eficiente dos recurso, seguimos a máxima das tres erres da reciclaxe empregando produtos e materiais sostibles e reciclados e promovemos o aforro ó tempo que referendamos o noso compromiso co deporte local e de base” remarca González Formoso.

As dimensións exteriores do céspede serán de 111 por 71 metros, cunha superficie total de 7.881 metros cadrados o que permitirá obter un campo de fútbol 11 (100×65 metros), un de  rugby  (95×65) ou dous de fútbol 7 (65×44).

Esta instalación estará dotada de todo o equipamento necesario para a práctica deportiva, que inclúe porterías,  banderines, redes de protección e bancos. As actuacións tamén inclúen a construción dunha beirarrúa de formigón e unha varanda perimetral ó campo.