Home Destacadas A VECIÑANZA DE AS PONTES VISITA O PARLAMENTO EUROPEO

A VECIÑANZA DE AS PONTES VISITA O PARLAMENTO EUROPEO

0
A VECIÑANZA DE AS PONTES  VISITA O PARLAMENTO EUROPEO

As Pontes, 10 de abril de 2019.  Quince ponteses e pontesas, en representación do tecido asociativo veciñal do municipio, asistiron, a semana pasada, acompañados pola concelleira de Atención, Participación Cidadá e Desenvolvemento Local,  Montserrat García, a unha sesión plenaria do Parlamento Europeo.

Esta viaxe a Bruxelas, promovida pola Unión Europea, tiña como obxectivo establecer un contacto directo entre a institución e a veciñanza para que, deste xeito, coñecesen, de primeira man, a actividade e responsabilidades do Parlamento Europeo.

Durante esta visita, os veciños recibiron unha charla, por parte do persoal da cámara, sobre a composición do Parlamento por países e partidos políticos, o funcionamento dos mecanismos parlamentarios, o desenvolvemento das sesións plenarias, as súas competencias así como a relación do Parlamento europeo con outras institucións.

A continuación asistiron a unha sesión plenaria na que, entre outras cuestións, debateuse sobre o futuro de Europa, da man do presidente do goberno de Suecia,  Stefan Löfven, sobre a necesidade de reforzar a seguridade dos documentos de identidade dos cidadáns da Unión e a modificación da Directiva 2008/96/CE, sobre xestión da seguridade das infraestruturas viarias.

O goberno local destaca a importancia deste tipo de iniciativas xa que “permiten aos cidadáns comprobar como funcionan as institucións europeas, unhas grandes descoñecidas pero esenciais no día a día do país”.

Esta viaxe súmase á organizada no ano 2017, polo  Concello das Pontes, a Santiago de Compostela para visitar o Parlamento de Galicia e na que unha vintena de representantes veciñais puideron coñecer as instalacións e asistir a unha xornada plenaria na que se debateron algúns dos principais temas que afectan a todos os cidadáns da Comunidade  Autómona.

X