As Pontes, 11 de setembro| Preto de 700 escolares ponteses de Educación Infantil e Primaria regresaron esta mañá ás aulas para poñer en marcha unha nova andaina escolar, nun novo ciclo, con novos mestres, fabulosas aventuras educativas por diante e, por suposto, cos mellores compañeiros de pupitre posibles.

Este ano en As Pontes estudarán Infantil e Primaria un total de 674 pequenos e pequenas, un 0,2% máis que no curso pasado, cando a cifra de matrículas alcanzaba os 672 estudantes.

Por niveis, 235 alumnos están matriculados nas diferentes unidades de Educación Infantil e os 439 restantes estudarán Primaria, cifras moi semellantes ás do curso pasado.

As cifras por centros déixanos os seguintes datos: trala unificación A Magdalena e Monte Caxado ocupan o primeiro posto en número de matrículas con 363, 138 na modalidade de Educación Infantil e 225 en Primaria.

O colexio da Fraga conta con 162 estudantes, 53 en Educación Infantil e 109 nas unidades de 1º a 6º de Primaria, o que supón un descenso do 3,5 % na cifra de matrículados con respecto ao curso anterior, no que se contou con 168 estudantes.

En Santa María, a cifra de matrículas ascendeu a 105 en Primaria e 44 en Educación Infantil, o que fai un total de 149 estudantes para o curso que ven de comezar e unha baixada do 0,6% con respecto ao ano pasado, cando o número de alumnos foi de 150.

O venres, día 15, arrincarán curso os estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional. Será ás 12.00 horas, coa tradicional xornada de presentación, tanto no Castro da Uz coma no Moncho Valcarce.