As Pontes, 13 de xullo| O curso musical Vila de As Pontes, organizado pola escola de Música e a banda Cultural co respaldo do Concello, estreábase este luns por todo o alto e é que, trala inauguración oficial da man da tenente de alcalde Montserrat García, e a celebración das primeiras clases, na tarde do luns tocaba desfrutar do primeiro dos catro concerto gratuítos que, ata o xoves, se desenvolverán en diferentes puntos do casco urbano.

A formación In Vento, integrada por Patricia González (frauta), Emilio Alonso (clarinete), Carolina Rodríguez (oboe), Alma Sarasola (trompa) e Óscar Galán (fagot), foi a encargada de abrir este ciclo de concerto e, neste caso, cun escenario incomparable, a praza da Igrexa Parroquial de Santa María.

Alí, pasadas as 19.30 horas e co respaldo de máis de medio cento de veciños e veciñas, estes artistas interpretaron un concerto no que as pezas latinoamericanas foron o eixo central.

Xa a tarde do martes o cuarteto de saxofóns Skirion (19.00horas) actuaba diante da Casa do Concello e hoxe, ás 19.00 na rúa Ramón Cabanillas e tamén ás 19.00 horas será posible desfrutar da actuación dos mestres que integran o corpo docente do curso musical Vila de As Pontes (Patricia González, Efrén Ramos, Jorge García, José Luís Asorey, Juan Bautista Bernat Alcaide, David Manuel Rodríguez, Xosé Miguel Franqueiro e Eusebio López).

O xoves, ás 19.00 horas será a quenda do alumnado do curso de música cun concerto conxunto no auditorio Municipal Alovi e a posterior clausura desta novidosa iniciativa formativo – musical.