As Pontes, 26 de setembro| A Concellería de Hostalería, Comercio e Emprego, mediante o IPPEC, botaba onte a andar unha das súas novas actividades formativas. Trátase dun curso de merchandising no que ata mañá, tomarán parte unha ducia de comerciantes da nosa vila, e que servirá para que os asistentes melloren os seus negocios, mediante escaparates e técnicas de promoción máis atractivas que permitan incrementar as súas vendas e fidelizar clientes.

A Casa Dopeso está a acoller este taller de 8 horas de duración e que se divide en tres sesións, durante as cales, os participantes abordarán temas coma o punto de venda, a mercadoría da que dispoñen e o seu escaparate.

Durante a xornada de onte, os alumnos e alumnas analizaron dende o percorrido que fai un cliente que accede a un negocio ata as zonas de máis e menos atractivo do mesmo e cómo ve o cliente cada negocio. Xa esta noite tocará examinar o escaparate e tomar boa nota das técnicas que se poden empregar para potencialo e lograr un maior atractivo para a clientela, sobre todo dende o punto de vista do deseño.

E para mañá, na xornada de clausura, o protagonismo será para o produto, con técnicas de rotación de produtos, vendas cruzadas ou a súa situación máis estratéxica. A actividade conta co respaldo da Consellería de Economía, da Xunta de Galicia.