O 28 de xuño é o Día Internacional do Orgullo LGBTI en conmemoración das revoltas que tiveron lugar en Nova Iork no ano 1969, cando un grupo formado por persoas do colectivo LGBTI se rebelou contra a súa detención no bar Stonewall.

En España, esta data instaurouse como Día Nacional no ano 2018, co obxectivo de  recoñecer a loita das persoas LGBTI así como a labor dos colectivos.  Este ano, a manifestación estatal faise baixo o lema Fronte ao odio: Visibilidade, Orgullo e
Resiliencia, co que as asociacións convocantes perseguen un dobre obxectivo: denunciar os
discursos de odio que se verten contra o colectivo e reclamar a defensa das leis que teñen dotado de dereitos ás persoas LGBTI.

O Concello das Pontes está comprometido con terminar co odio e a discriminación que sofren cada día demasiadas persoas, e temos clara a relación existente entre o aumento dos delitos de odio e a proliferación dos discursos que, baseados en mentiras, fomentan o odio cara a comunidade LGBTI.

É preocupante a situación que sofre o colectivo no ámbito laboral, con datos como que 6 de cada 10 persoas LGBTI teñen sufrido algunha agresión física ou doutro tipo no seu posto de traballo polo feito de ser e amar libremente. Son datos que limitan a forma de vivir das persoas.

Sabemos que o odio se combate dende a unidade e que as mentiras se combaten con feitos, polo que é fundamental que sigamos a traballar xuntas e xuntos por un obxectivo común: a igualdade real das persoas do colectivo LGBTI. Porque a única forma de erradicar os discursos contra o colectivo é a través dun gran acordo social que rompa con todas as fronteiras.

Un Orgullo sen fronteiras, porque Galicia foi pioneira no ano 2014 coa Lei 2/2014 pola
igualdade de trato e non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, primeira lei autonómica que abordaba a LGBTIfobia no conxunto do Estado.

Pese a todos estes avances e conquistas sociais somos conscientes de que aínda existen ámbitos onde a igualdade do colectivo LGBTI se atopa con maiores dificultades, como é por exemplo o mundo rural onde o colectivo segue invisibilizado e a lgbtifobia en índices preocupantes.

Ademáis, debemos reflexionar sobre a memoria da loita polos dereitos LGBTI e sobre as persoas maiores do colectivo, especialmente acerca de aquelas que se atopan en residencias e centros de día. 

As persoas maiores LGBTI son as que viviron a súa mocidade durante o franquismo e polo tanto as que tiveron que soportar o medo e a represión consecuencia dun réxime que os excluía con violencia, penas privativas de liberdade, campos de traballo ou inclusive o desterro.

Ademais, recuperar a memoria de quen nos precederon é fundamental para educar á sociedade do porvir nos valores da igualdade e do respecto á diversidade sexual e familiar.

Os centros educativos deben ser espazos educativos seguros para a diversidade sexual onde os nenos e nenas medren con todas as ferramentas posibles para coñecerse e se eduquen na diversidade e na liberdade de ser e amar como queiran.

O orgullo tense convertido historicamente nun día de celebración da diversidade de moitas persoas, pero este ano, máis ca nunca, pedimos a todas as persoas que defendan a diversidade, que berren alto e claro para rachar con todas as fronteiras coas que cada día a comunidade LGBTI se atopa e que rachemos coas fronteiras que invisibilizan ao colectivo e lle impide reclamar os seus dereitos!

Berremos por que nunca máis nos agredan ou incluso nos maten ao grito de maricón ou bollera! Berremos por un orgullo sen fronteiras para que non nos apaguen a cor!