As Pontes, 15 de outubro de 2018. Xa está aberto o prazo de inscrición para a terceira edición do obradoiro de acuarela organizado pola Concellería de Cultura do Concello de As Pontes.

O curso, que será impartido por Manuel Gandullo, está dirixido a maiores de 12 anos, con coñecementos previos sobre esta técnica pictórica. O obxectivo deste obradoiro é afondar e perfeccionar está técnica, achegarse o uso de diferentes recursos materiais para pintar acuarelas e exercitar a técnica con traballos en estudo e en exterior.

As clases desenvolveranse, o primeiro e terceiro sábado de cada mes, desde o 20 de outubro ata o 18 de maio. As prazas son limitadas polo que os interesados en participar neste obradoiro deben anotarse, antes do 19 de outubro, no departamento de Cultura, na primeira planta da Casa Dopeso.

 

Manuel Gandullo

Manuel Gandullo Nievas, (Sevilla en 1952) vive en Galicia desde 1970. Foi socio fundador da Asociación de Artistas Plásticos Galegos (ARGA), na que desempeñou os cargos de secretario e presidente. Socio de honor e membro da Agrupación Española de Acuarelistas, do grupo Crisis e do grupo Cota 332.

Foi codirector do XII Simposio Nacional de Acuarela (Santiago de Compostela, 2004) e coordinou as tres edicións dos Encontros coa Pintura e a Poesía, organizados pola Deputación da Coruña no Pazo de Mariñán.

Nos últimos anos ten realizado exposicións individuais e colectivas en A Coruña, Cambre, Ourense, Pontevedra, Lugo, Sada, Cambados, Madrid, Londres, Granada, Sevilla e Tenerife, entre outras.