As Pontes, 15 de outubro de 2018. O Concello das Pontes adxudicou, a semana pasada, en xunta de goberno local, a quinta fase das obras de mellora de servizos e pavimentos no Poboado do Barreiro á empresa Canosa.

Os traballos que teñen un orzamento de 160.014 euros, con cargo ó Pos + 2018 da Deputación da Coruña, permitirán a renovación do pavimento das beirarrúas con lastras de formigón coloreado e a mellora das zonas verdes, mantendo os criterios estruturais e estéticos das fases anteriores, empregando a mesma tipoloxía de materiais.

Estas actuacións, que teñen como obxectivo mellorar a accesibilidade e a estética de todo o Poboado do Barreiro, tamén contemplan a substitución do saneamento de augas pluviais e a súa separación da rede de augas fecais, renovada recentemente.

Ademais, entre os traballos previstos, inclúese a mellora da iluminación pública coa instalación de doce novos puntos de luz, a súa canalización e conexión á rede eléctrica así como a instalación de novo mobiliario urbano, bancos con respaldo e papeleiras, en toda a zona obxecto da intervención.

Desde o goberno local sinalan que con esta actuación o Concello de As Pontes trata de “ofrecer mellores servizos a toda a veciñanza, apostando pola humanización dos espazos urbanos, gañando comodidade e mobilidade, facendo de As Pontes un pobo máis seguro”.