As Pontes, 8 de maio de 2020.  O Concello das Pontes deu por finalizadas, hoxe, as obras de de rehabilitación da Rúa Casilla. Un proxecto, cun orzamento de 86.491 euros,  financiado pola Deputación da Coruña.

Esta actuación permitiu mellorar a pavimentación e a accesibilidade na marxe dereita do viario, entre as rúas Eduardo Pondal e a Praza da Lembranza, dando resposta á demanda da veciñanza para impulsar a contorna, eliminar as barreiras arquitectónicas e mellorar a mobilidade na zona, aumentando a calidade de vida dos veciños e veciñas.

Entre os traballos realizados destacan a substitución da vella pavimentación por formigón impreso e a renovación dos servizos públicos municipais.

Así mesmo, na súa aposta por mellorar a eficiencia enerxética do municipio, retiráronse as luminarias situadas nas fachadas dos edificios, e o cabreado, substituíndoo por novos báculos e puntos de luz, instalados nas beirarrúas, con tecnoloxía LED.

Ademais acometeuse a renovación das instalacións de saneamento, mediante a construción dunha rede separativa de augas pluviais e fecais que incluíu a creación de arquetas para a recollida das acometidas individuais das edificacións así como as acometidas dos sumidoiros e de recollida das augas procedentes dos domicilios e a disposición de pozos de rexistro separativos e a adaptación dos rexistros existentes.