RTVEume| Mañá, sábado 14 de novembro, entre as 10:00 e as 13.30h  regresará á Casa Dopeso o programa de actividades de conciliación da vida laboral e familiar para as mañás de sábado.

Esta iniciativa, desenvolvida por segundo ano consecutivo dende a concellería de Xuventude, vivirá a súa segunda xornada desta tempada e, ao igual que en edicións anteriores, será de entrada totalmente gratuita.

Pequenos e pequenas de entre 2 e 10 anos de idade poderán desfrutar de xogos, manualidades, actividades lúdico educativas e iniciativas do máis entretidas namentras os seus pais e nais deben afrontar as obrigas laborais ou domésticas típicas das mañás de sábado.

Un programa do máis útil para conciliar familia e traballo e que, unha vez máis, dirixen dende o espazo infantil Picariños. Como é habitual para sumarse a estas actividades tan só é necesario pasarse pola Casa Dopeso entre as 10 e as 13.30h da tarde e alí formalizar a inscrición no mesmo momento.