RTVEume| O programa café con libros regresou onte ás mañás dos locais de hostalería ponteses e, neste caso, facíao nun mesón que hai pouco menos dun mes abría as súas portas. Trátase do Mesón Mercado Vello que, onte, serviu como escenario perfecto para acoller as novidades literarias que, semana tras semana, chegan á biblioteca municipal Enrique Rivera Rouco.
Novamente, a bibliotecaria Anabel ALonso protagonizaba esta cita matinal co mundo da literatura e que permitiu a todos aqueles que se pasaron polo mercado vello coñecer as novidades que podemos atopar ben preto, na propia biblioteca municipal.
Textos coma Blitz, do director e agora tamén escritor David Trueba ou La luz que no puedes ver do premio Pulitzer Anthony Doerr, compartiron espazo con publicacións para os máis pequenos da casa, coma Aprendiz do home do saco de Antonio Reigosa ou Bajo mundo de Jane Price.
Asemade, Anabel Alonso tamén levou consigo títulos xa clásicos coma Maus de Art Spiegelman, textos de producción pontesa coma o poemario Fíos de Diana Varela ou incluso publicacións formativas coma Arquitecturas da Provincia da Coruña, onde se recolle a historia de moitos monumentos locais coma a Ponte de Isabel II ou as Igrexas de San Pedro de Eume ou Ribadeume.
Por suposto, como non todo son libros, o arquivo da biblioteca municipal tamén se completa con filmes, documentais ou arquivos musicais, algúns deles tamén presentes nesta visita ao Mercado Vello, como foi o caso da colección de documentais Pueblos de la Tierra.
Para coñecer máis sobre o gran arquivo literario e audiovisual co que conta a biblioteca municipal, ésta manterá abertas as súas portas de luns a venres en horario de 9 da mañá a 1 da tarde e de 4 a 8 do serán, e xa os sábados, tan só en horario de mañá.