As Pontes, 11 de xullo de 2023. A semana pasada, a concelleira de Promoción Económica, Elena López, xunto a Xoán Miguel Concheiro, representante do Departamento de Protección de Calidade Diferenciada, da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), dependente da Consellería de Medio Rural, mantiveron un encontro cos produtores e produtoras de mantecados nas Pontes para darlles a coñecer o trámites e procesos precisos para inscribir este produto local no rexistro de Artesanía Alimentaria así como os pasos necesarios para que cada unha das empresas produtoras se poida inscribir no rexistro de persoas artesás.
Este encontro é froito do traballo posto en marcha polo Concello das Pontes no ano 2021, e no que participaron a Panadería Viúda de Domingo López, a Panadería Hermanos Díaz, a Pastelería Artesana Mari e Artesanía Pontesa do Mantecado, co obxectivo de lograr o selo de Artesanía Alimentaria para os mantecados das Pontes, de acordo ao Decreto 174/2019, de 19 de decembro polo que se regula a artesanía alimentaria.
Un traballo que incluíu a sinatura dun escrito común entre os produtores e produtoras de mantecados nas Pontes que permitiu que, a través da Orden de 16 de febreiro de 2022, polo se aproban diversas normas técnicas e distintivos identificadores da artesanía alimentaria, que a elaboración dos os mantecados das Pontes aparecese no seu Anexo II.
A inscrición dos mantecados das Pontes neste rexistro garantirá que a produción dos mesmos é artesanal, a través de procesos de elaboración tradicionais, cunha presentación singular que mostra a sua calidade diferencia. O distintivo tamén asegurará que na elaboración do mantecado das Pontes se empregan materias primas seleccionadas, non se usan potenciadores de sabor, colorantes ou saborizantes artificiais, entre outras cuestións
Así mesmo, o selo Artesanía Alimentaria de Galicia permitirá promover e protexer as pequenas producións e elaboracións tradicionais artesás dun produto de alta calidade, incrementando o valor engadido dos mantecados das Pontes ao tempo que fomenta o seu método tradicional de elaboración.