As Pontes, 10 de xullo de 2023. A Rede pola Igualdade das Pontes, espazo concibido para a reflexión e debate cidadá en materia de igualdade creada a finais do ano 2022, segue avanzando e consolidándose mediante a realización de novas actividades. Nesta ocasión, tras ser acordado no último dos encontros celebrados, realizouse unha xornada participativa con finalidade formativa denominada “Tecendo a rede pontesa en prol da igualdade”.

A finalidade da xornada consistiu en dar a coñecer ferramentas para contribuír á consecución da igualdade tanto a nivel individual como no plano colectivo (especialmente dende o tecido asociativo e empresarial), así como favorecer a reflexión e o debate entre o público asistente facilitando a xeración de sinerxías e de propostas de actuación a desenvolver a nivel local. Tratouse dun encontro aberto á cidadanía, pero con especial atención ás asociacións do municipio e ás actividades empresariais e profesionais que operan nel.

Neste senso, Tania Pardo, concelleira de Benestar social e Igualdade, destacou que, “deste xeito, se avanza nun dos retos identificados previamente que consistía en ampliar o número de entidades que compoñen esta Rede, o que permite que se multipliquen as posibilidades de favorecer as colaboracións entre as diferentes entidades que teñen actividade no municipio”. Ademais, co fin de facilitar a asistencia, celebrouse en dous horarios distintos, un de mañá (ás 10:00h) e outro de tarde (ás 17:00h).

En total, asistiron 28 entidades, contando cunha maior participación a xornada celebrada pola mañá (19 persoas fronte 10 no horario de tarde). Ambos encontros desenvolvéronse de forma similar, dando comezo cunha presentación do proceso de creación da Rede pola Igualdade e introdución á temática por parte dunha profesional na materia, Rebeca Raso. Posteriormente, desenvolvéronse diferentes dinámicas participativas a través das cales as persoas asistentes puideron reflexionar e debater sobre os conceptos básicos ao redor da igualdade e diversidade que nortean o espazo da Rede. Ademais, de compartir como poder contribuír á igualdade dende o seu ámbito de actuación (e, especialmente, dende o labor realizado pola entidade da que forma parte), pero tamén entendidas como unha maneira de promover o coñecemento e a colaboración entre as mesmas. Por último, e tras unha exposición teórica que permitiu poñer en común todos os conceptos que foron saíndo ao longo das xornadas, procedeuse a unha dinámica participativa para recoller propostas de novas accións a desenvolver no seo da Rede pola Igualdade.

A concelleira Tania Pardo incidiu precisamente en que “o carácter participativo da xornada consistiu nunha das súas principais virtudes, mesmo sendo unha das cuestións mellor valoradas por parte das persoas asistentes, en tanto que se escapou dunha formación tradicional na que simplemente se transmiten contidos dunha maneira unidireccional”. Neste senso, entre as persoas asistentes valoraron como fundamentais a “aprendizaxe, reflexión e coñecemento”, a “visualización da diversidade” , “o interese polo traballo colaborativo e esperanza na transformación social”. Destacaron aínda que é este espazo representa “Unha rede de persoas e entidades coas que facer novos proxectos”.

Tamén se reuniu a MLCI para tratar as violencias de xénero entre os colectivos vulnerables

Anteriormente, o pasado 28 de xuño tivo lugar unha nova xuntanza da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero (MLCI) do Concello das Pontes, á cal asistiron as diferentes administracións e servizos que a conforman.

Neste encontro afondouse na situación e nas violencias de xénero en mulleres de colectivos vulnerables, como son as persoas con discapacidade, maiores e inmigrantes. As entidades asistentes incidiron nas diferentes casuísticas que condicionan a estas mulleres, de forma que se atopan nunha situación de maior vulnerabilidade ante as distintas violencias de xénero, como poden ser: contar cunha maior dependencia económica ou con menos ferramentas para a detección das violencias. Así mesmo, para cada un destes colectivos tamén foron detectadas problemáticas propias: por exemplo, no caso das mulleres maiores predominan o forte peso do papel tradicional outorgado á muller e, de forma frecuente, as situacións específicas no medio rural (como menor posibilidade de desprazarse de forma autónoma ata os servizos e recursos en materia de igualdade); no caso das mulleres con discapacidade, pode mencionarse a menor accesibilidade a recursos e información (habitualmente non se atopan adaptados ás súas necesidades para a súa lectura) ou un trato baseado nunha menor credibilidade, e no caso das mulleres inmigrantes destaca o menor coñecemento dos seus dereitos legais, así como o medo ás consecuencias dunha posible denuncia e mesmo os prexuízos e a falta apoio social.

Froito da reunión, acordouse impulsar unha xornada formativa sobre esta temática, abordando cuestións referidas aos servizos e recursos para a atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade ante a violencia de xénero, ao marco lexislativo e ás medidas de prevención e sensibilización, entre outros. Tania Pardo destacou que con esta acción, dirixida fundamentalmente ao persoal das diferentes administracións que compoñen a Mesa, “se prevé optimizar o labor de cada unha delas no referido á sensibilización, prevención e intervención ante as situacións diferenciais que experimentan, entre outras, as mulleres con discapacidade, as maiores e as inmigrantes; caracterizadas habitualmente por unha maior vulnerabilidade ante as violencias de xénero”.