RTVEume.- A concellería de Deportes volverá sacar á rúa, este sábado, todas as modalidades deportivas das que poderemos desfrutar na nosa vila durante todo o ano e cunha clara finalidade: o dar a coñecer a ampla oferta deportiva local que nos deixa actividades físicas e disciplinas deportivas de todo tipo e para todas as idades.

Novamente, da man do día do deporte na rúa poderemos coñecer modalidades coma o fútbol, o padel, o tenis, a escalada, o baloncesto, o ciclismo, a ximnasia rítmica ou o karate grazas a clubes que desenvolven a súa actividade na nosa vila e, unha vez máis, coa organización do espazo infantil Garabatos.

E é que o día do deporte na rúa busca precisamente achegar todo tipo de deportes a veciños e veciñas de todas as idades para que proben e escollan con criterio aquela modalidade que máis se adapta aos seus gustos e obxectivos. Un escaparate que serve tamén para dar conta desa impresionante oferta deportiva que temos a nivel local e que pouco ten que envexar ás grandes cidades.

Un ano máis a Canle IV volverá albergar as diferentes estacións deportivas nas que poderemos participar pequenos e adultos, durante a xornada de sábado, e cunha programación semellante á de anos anteriores, en horario de mañá e de tarde, e con ata unha vintena de clubes deportivos locais botando unha man e facendo ver o seu día a día.

Asemade, non faltarán os sorteos de varias bicicletas por parte do Concello entre aqueles nenos e nenas que se animen a tomar parte nestas actividades.

Como xa é habitual cada participante contará cun dorsal, o pertinente seguro, e a oportunidade de desfrutar de modalidades tan variopintas coma a escalada, o tiro con arco, o rugby ou o atletismo, xunto con xa deportes clásicos coma o fútbol, o baloncesto ou o tenis; actividades para pequenos e adultos nas que, dende a concellería de deportes que dirixe Jesús Tembrás, animaron a participar a veciños e veciñas de todas as idades.

Deporte na rúa arrincará o sábado ás 11 e manterase aberto ata a 1 da tarde. Xa ás 4 novamente abriranse os diferentes stands dos clubes participantes ata as 8 do serán e, por suposto, tamén temos xa os horarios dos sorteos das bicicletas que doará o concello para a esta cita e que son os seguintes: ás 12.30 e ás 7.30 da tarde.